Tres centros de Barreiros, As Pontes e Coruña, premiados no certame Cooperativismo no ensino
Un total de sete centros galegos das localidades de Moaña, Tomiño, Vigo, A Coruña, As Pontes de García Rodríguez e Barreiros recibirán os premios do certame Cooperativismo no ensino co que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración busca difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o fallo dos galardóns do concurso que inclúe tres modalidades: de actividades artísticas dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial; actividades cooperativizadas para as alumnas e alumnos dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial; e de proxectos empresariais cooperativos destinado aos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
O certame está dotado con premios de entre 1.500 a 4.500 euros segundo a modalidade. Os alumnos e alumnas no desenvolvemento das actividades que presentan ao certame deben potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.
Na categoría para o primeiro e segundo curso de Educación Primaria o accésit recaeu en Laberinto cooperativo do CEIP San Miguel de Reinante, en Barreiros. O accésit do premio ao mellor traballo da categoría de terceiro e cuarto de recaeu en Coopexogo de nen@s do CEIP San Miguel de Reinante, de Barreiros. Por último, na cuarta categoría desta modalidade, a dirixida a quinto e sexto de Educación Primaria, o accésit foi para o CEIP San Miguel de Reinante, en Barreiros, por Coopera que é historia.
Na segunda modalidade do certame, para actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial, recibirá o premio o Centro IES Castro da Uz, de As Pontes de García Rodríguez, por Cooperativa Educativa RecreaT.
A terceira modalidade do concurso para proxectos empresariais cooperativos premia a centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Nesta edición o premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Arroutada, Sociedade Cooperativa Galega presentado polo alumnado do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña.