Tres empresas chairegas beneficiaranse de axudas para a dixitalización
15 empresas da provincia de Lugo recibirán unha axuda conxunta por valor de 210.800 euros para proxectos promovidos por dentro do programa de axudas á dixitalización da Industria 4.0.
Estas axudas servirán para apoiar a adquisición de equipos e software, así como as colaboracións necesarias para a súa instalación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.
O obxectivo primordial destas axudas é mellorar o traballo das pemes nos mercados rexionais, nacionais e internacionais, facilitando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados.
Na relación das 15 empresas lucenses beneficiarias atopamos sectores moi heteroxéneos desde laboratorios a compañías de alimentación, deportivas, de transformación da madeira, montaxes metálicos, recambios e construción ou sociedades cooperativas agrarias.
A axuda será de 210.800 euros e servirá para apoiar un investimento por valor de 600.300 euros. Deste xeito, os proxectos no eido dixital destas compañías serán financiados ao 30% no caso das pequenas empresas, e ao 20% para as medianas, facilitando a súa modernización e mellorando a súa competitividade a través da interconexión dixital entre as empresas vinculadas pola súa actividade.
A segunda convocatoria destas axudas permanece aberta para a presentación de proxectos e para recibir solicitudes ata o vindeiro 20 de setembro. Poden obter máis información sobre este programa na web e oficinas do Igape e da Xunta.
Esta liña de apoios debe entenderse incluída no abeiro do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0. O programa total da Axenda destinará 350 millóns de euros en catro anos co obxectivo de anticiparse aos cambios, aumentar o tamaño das empresas, favorecer o talento dixital e a reinvención da industria.
Deste xeito, o propósito é afondar no impulso á mellora da competitividade do tecido empresarial como parte dunha economía global e afectada, habilitando a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns entre 2019 e 2022.
Na Terra Chá os beneficiarios destas axudas son as empresas Dosgar Alimentación e Data Monitoring, ambas de Vilalba, que recibirán 2.772,20 e 15.000 euros respectivamente; e Montajes Metálicos Ingalux de Outeiro de Rei reibirá 9.777 euros.