Tres escolas rurais de Guitiriz pasarán a ser propiedade do Concello
Os tres edificios das antigas escolas de Guitiriz, Os Vilares, Drada e As reixas, poderán ser usadas con fins culturais e sociais. No último pleno do Concello acordouse facer a desafectación dos inmobles, situados en distintas zona da parroquia de Os Vilares e as tres con distinta orixes e diferente estado de conservación.
A máis antiga é a das Reixas, que foi construída no primeiro terzo do século pasado, con fondos enviados por emigrantes de Cuba. A máis deteriorada é a de Drada, construída a finais dos 50. A terceira é a dos Ares, construída nos anos 60, que é a mellor conservada.
Os trámites do Concello para conseguir que as tres escolas quedasen desafectadas e pasasen a ser de titularidade municipal xa empezaron en anos pasados, pero non acabaron: completouse o proceso nas de Drada e dos Ares pero falta na das Reixas. "Estas antigas escolas son edificios que os veciños aprecian e que consdieran seus, á marxe de cuestións legais. Así as actividades sociais e culturais están presentes na antiga escola das Reixas, xa que o edificio suple a falta de instalacións do rural", explica a alcaldesa, Regina Polín.
"De momento o Concello non ten fondos destinados para estas labores de rehabilitación -comentou a alcaldesa-, o que se podería facer sería un acordo con algunha entidade, como se fixo na Escola Habaneira, a cal foi restaurada con fondos da comunidade de montes de Lagostelle, e o Concello aceptou encargarse do mantemento durante 50 anos".
Noutro caso, o Concello de Guitiriz cedeulle a escola de Becín en Parga, que se ocupa por primeira vez, a unha parella por un período de seis meses, cun proxecto para dinamizar a zona e organizar actividades coa feira como punto de partida.