Tres medallas para a loita olímpica da provincia para rematar a tempada

LugoXa | TerraChaXa
Foron un ouro para Kevin Cuba, de Vilalba, e dúas pratas para Bruno Pintos e Marco Rodríguez, co club de Lugo
loita-olimpica-vilalba
22 Dec 2025

O Club de Loita Olímpica Vilalba participou esta fin de semana no tradicional Torneo de Nadal de San Blas, celebrado en Madrid e que contou coa presenza dalgúns dos mellores loitadores do panorama nacional. A cita supuxo unha excelente oportunidade para medir o nivel competitivo nunha das probas máis destacadas do calendario estatal.

Ata a capital desprazouse o deportista vilalbés Kevin Cuba, que competiu xunto aos loitadores do Club de Loita Lugo Bruno Pintos e Marco Rodríguez. A actuación do representante do club chairego saldouse cun gran resultado, ao proclamarse campión na categoría absoluta de menos de 97 quilos, subindo ao máis alto do podio e pechando a tempada cun ouro de gran valor deportivo.

Pola súa banda, Bruno Pintos e Marco Rodríguez tamén asinaron unha destacada participación, acadando sendas medallas de prata tras disputar varios enfrontamentos de alto nivel fronte a rivais de entidade.

Con esta competición, o Club de Loita Olímpica Vilalba dá por rematada a tempada 2025. Non obstante, a actividade non se detén, xa que durante o Nadal continuarán os adestramentos para preparar aos deportistas que afrontarán as competicións da tempada 2026.

⚙ Configurar cookies
0.074680089950562