Tres meles da Terra Chá destacan na XVIII Cata da Casa do Mel das Pontes

A apicultura chairega volveu amosar o seu bo momento na XVIII edición da Cata da Casa do Mel de Goente, celebrada nas Pontes, na que tres produtores da comarca acadaron os principais recoñecementos do certame. A convocatoria, que suma xa dezaoito edicións, consolídase como unha referencia para poñer en valor a calidade do mel galego e o traballo do sector apícola.
O primeiro premio absoluto foi para Manuel Fernández Riego, de Vilalba, mentres que o segundo galardón recaeu noutro produtor vilalbés, Iván Díaz Souto, presidente da asociación apícola Serra da Carba, con sede na capital chairega. Ademais, na categoría de meles monoflorais, o primeiro posto foi para Luís Pernas Lage, natural de Viveiro, aínda que coas colmeas asentadas no concello de Muras, o que reforza tamén a presenza da comarca neste apartado do concurso.
Nesta edición participaron un total de once apicultores, unha cifra algo inferior á doutros anos. Para a asociación, esta redución responde aos cambios introducidos nas bases do certame, que esixían unha maior cantidade de mel por participante co obxectivo de realizar unha selección máis rigorosa e contar con producións dun perfil, cando menos, semiprofesional.
O mel premiado destinarase tanto ás degustacións organizadas na propia Casa do Mel como ás feiras e eventos nos que participa esta entidade, que conta xa con preto de medio milleiro de socios en toda Galicia. O xurado estivo composto por profesionais vencellados ao mundo da gastronomía e da apicultura, garantindo así unha avaliación técnica e especializada dos produtos presentados.