Tres mestres de Burela e Trabada coñeceron durante un mes as técnicas de aprendizaxe de Canadá

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
14 Mar 2020

Tres mestres mariñaos, Antía de Ribadeo, David de Fazouro e Marcos de Lugo, participaron nun programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras que os levou a pasar un mes este inverno en Canadá.

Marcos e David traballan no Ceip Vista Alegre de Burela, o primeiro como mestre de inglés e plástica e o segundo de educación infantil; e Antía no Ceip Celso Currás de Trabada como mestra de inglés.

Decidiron viaxar a Canada cun programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras, para formarse, actualizar a súa metodoloxía e mellorar o seu nivel de competencia en comunicación lingüística a través do contacto directo con persoas dos países de fala inglesa, neste caso.

"Foi unha oportunidade estupenda para coñecer novas realidades educativas e actualizarse calquera mestre, e máis en concreto nós, que debemos estar actualizados na lingua estranxeira", di Antía.

Vivir nun país estranxeiro xa é toda unha aprendizaxe e neste caso os tres tiveron a sorte de compartir a experiencia na cidade de Ottawa, na que vivían. Definen a viaxe como "moi recomendable tanto a nivel profesional como de enriquecemento persoal".

"En Canadá, despois de ir ao colexio canadense polas mañás, todas as tardes quedábamos os catro para charlar e coñecer a cidade. E as fins de semana visitábamos outras cidades", di David.

A experiencia a califican de positiva, a que puideron experimentar coñecento outras vilas, pobos ou parques naturais. Marcounos especialmente coñecer de preto o sufrimento da poboación indíxena nas chamadas residential schools durante centos de anos, e como o goberno de Canadá recentemente recoñeceu o dano causado.

De Canadá destacan a liberdade que ten o alumnado para elixir o que quere facer en cada momento e en educación infantil especialmente, xa que basean toda a aprendizaxe a través do xogo, deixando que sexan os alumnos os que fagan e os que se erren, vendo isto como unha oportunidade de aprender.

Tamén contan que "as mestras son guías, observan e poñen a disposición do alumnado os materiais e ferramentas que consideran oportunos para que se produza a aprendizaxe, pero nunca dicíndolle aos nenos o que teñen que facer senón deixando que eles mesmos o descubran", di David.

"A min chamoume especialmente a atención o bo resultado que daba o feito de crear ambientes tan distendidos nos que o alumnado decidía o que máis lle apetecía facer de entre todas as propostas que ofertaba o mestre guía, e a responsabilidade con que o facían, sendo conscientes", engade Antía.

"Por outra band,a sorprendeume a unidade que amosaba o mestrado á hora de reivindicar os seus dereitos. Nestes momentos estanse a desenvolver folgas en distintos colexios e institutos da provincia de Ontario como protesta por recortes que se pretenden facer en Educación", remata Marcos.

Agora volveron aos seus respectivos colexios coas pilas cargadas e con outras maneiras de pensar e actuar, tentan levar a cabo rutinas e pequenas estratexias como dar libertade á hora de empregar espazos para realizar tarefas, non estar todo o rato sentados da maneira tradicional ou realizar rutinas de asamblea na alfombra ao comezo das sesións.

Comezaron a usar novas dinámicas como a pregunta do día ao chegar á aula para poder coñecer os seus intereses ao mesmo tempo que traballan aspectos matemáticos. E en canto a ecoloxía tamén comezaron a empregar máis as fundas para meter os folios a partires da difusión.

"Un dos métodos que estou a intentar crear é o rincón da calma xunto con pequenas rutinas de relaxación, tamén o emprego de vídeos de baile e movemento para  despexarse entre traballos e recurso para as dinámicas de clase como lecturas, traballo en estacións, reparto de responsabilidades, a propia decoración e disttibución da aula…", di Antía.

"Doulles máis responsabilidades para que sexan conscientes das súas accións. Os adultos, cada vez máis, tendemos a sobreprotexer aos nenos, e flaco favor lles facemos. Dende ben pequenos debemos darlle responsabilidades, acordes coa súa idade, para favorecer a súa autonomía", di David.

Esta claro que a idea é darlle unha maior autonomía aos nenos, "hai que darlle oportunidades de tomar decisións e achegar o traballo de aula aos seus intereses na medida do posible. Tamén intento facer que reflexionen nas consecuencias que teñen as súas accións na aula e como estas afectan ao resto do grupo", remata Marcos.

0.21688199043274