Tres persoas de fóra de Galicia gañan o Certame de Pintura Rápida de Rábade
Diego Fernández Colomé, de Xixón, foi o gañador do Certame de Pintura Rápida de Rábade, que se celebrou o domingo 23 de xuño coa participación de 15 artistas, procedentes de distintos puntos de España.
O segundo posto foi para Lolo Serantes (Ponferrada) e o terceiro lugar ocupouno José Ignacio Amelivia García, de Logroño.
O concurso, que este ano alcanzou a súa duodécima edición e que é organizado polo Concello de Rábade, repartiu un total de 2.600 euros en premios. O primeiro deles, de 1.100 euros é patrocinado polo Concello. Pola súa banda, o segundo clasificado fíxose con 700 euros achegados por Finsa, mentres que Sariago financia os 500 euros que obtivo o terceiro clasificado. As bases tamén establecen tres accésit, con 100 euros en premios para cada un deles, que este ano foron para Carlos Triñanes Buceta, de Lugo; a ponferradina Regina Borón, e Eduardo Baamonde, de Cambados. Os artistas comezaron a traballar ao redor das 9.00 horas de onte, despois do acto de selaxe das teas, debendo entregar as súas obras xa terminadas ás 17.00.
O Certame de Pintura Rápida de Rábade conta cada ano cun maior interese tanto por parte dos artistas como dos veciños da vila, que adoitan seguir en directo a evolución das obras.