Tres V de Veciño quedarán este domingo na comarca da Chaira
A Festa do Día do Veciño terá lugar este domingo, 23 de outubro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e reunirá a unhas 4.400 persoas entregando tres galardóns na Chaira.
Esta celebración contará coa presenza dun gran número de entidades provinciais xa que a provincia de Lugo conta con tantas asociacións de veciños como o resto de Galicia xunta. Na actualidade, a Federación de Veciños rexistra todos os meses unha nova asociación, chegando a case 350 a día de hoxe que suman 20.000 asociados en todo o territorio provincial.
A programación dará comezo dende primeira hora da mañá, tras o tradicional partido de fútbol con xornalistas, políticos e veciños, estará dispoñible unha mostra das principais campañas reivindicativas lideradas pola Federación no último ano. A continuación levaranse a cabo actuacións musicais e ás 14:00 horas terá lugar a tradicional comida, que se recupera tras o parón provocado pola crise sanitaria.
Pola tarde, dende as 16:00 horas comezará a entrega das V de Veciño, trátase duns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen o labor dun total de 25 persoas que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Neste ano serán galardoados, entre outros, a Deputada provincial Pilar García Porto, o senador César Mogo; o secretario xeral do PSdeG, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; e o dono do restaurante Botafumeiro de Barcelona, Moncho Neira, entre outros.
Tamén, dentro da Chaira, recibirán este galardón José maría Fernández Piñeiro, a título póstumo, médico de Baamonde coñecido polo seu gran labor como doutor, que chegou a ser alcalde a principios da década dos setenta.
Así mesmo, recibirá a V de Veciño Felipe Barata Villapol, actual director do CPI Dr. López Suárez de Friol.
Logo das entregas das distincións veciñais pechará a xornada a actuación musical de Treixadura.