Trinta comercios de Ribadeo sacarán ás rúas a súa roupa máis barata os días 17 e 18

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
13 Ago 2019

Os días 17 e 18 de agosto preto de  30 establecementos asociados a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, ACISA de Ribadeo, sacarán á rúa os seus produtos nunha nova edición do Mercado de Rúa, que organiza a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos en colaboración coa Xunta de Galicia e co Concello de Ribadeo.

O Mercado de Rúa xa está preparado en Ribadeo. Un ano máis ACISA programa esta actividade de dinamización comercial co obxectivo de facer mais accesibles os produtos aos clientes.

Dende a xerencia da asociación, Jesús Pérez, explica que “dende ACISA cremos que esta cita é moi interesante para os nosos asociados e tamén para os seus clientes. Con ela pretendemos facer un comercio mais preto de ti, facendo que na propia rúa poidas ver os produtos sen necesidade de entrar nas tendas”.

E engade: “este ano ven con novidades, xa que adiantamos as datas de celebración para que coincidira coa fin de semana na que probablemente se congrega mais xente na nosa vila, así os veciños e visitantes poden aproveitar os últimos días de rebaixas e quizais algún avance de tempada”.

Pola súa banda, Juan Andina, vicepresidente de Acisa, indica que “para os comercios é moi positivo realizar esta campaña nestas datas, así podemos competir en igualdade de condicións cos vendedores ambulantes e co Mercado Pirata na mellor época para nos, sen prexudicar a ninguén, por suposto; pero buscando a formula de traballar en igualdade de condicións”.

Jesús Pérez conta que “nesta edición son preto de trinta establecementos os que participan. Non todos poden estar polo tipo de produto que venden ou por falta de espazo na rúa, pero é unha campaña na que os que participan sempre nos fan chegar moi bos resultados. Este ano poderase encontrar roupa de home e de muller, calzado, xoguetes, roupa infantil, librarías, xoierías... por suposto todos produtos de máxima calidade e das mellores marcas, non comparables co que se pode encontrar nos postos ambulantes. Hai que ter en conta as demandas dos nosos socios ao respecto, e deste xeito respondemos a unha petición que ven dende fai moitos anos, de que polo menos aínda que so sexa dous días ao ano os nosos asociados e asociadas poidan competir en igualdade de condicións cos diferentes mercados que se celebran en Ribadeo”.

Os establecementos participantes nesta campaña, nos que ademais poderás encontrar grandes ofertas son:  Xoeiría Azabache, Nina, Platería Gutié, Opticalia, Bis a Bis, Bora Bora, Lencería Julia, Pequerrechos, Glass, Farfala, Mika, Marcelota, Anais, La Moda Hombre, R23, Adele, Sanjurjo, Esprit, Nana, La Floristería, La Coqueta, Hola Ola, Din & Don, Coco, Jatay, Saia e Mercería Vizcaya. 

MÁIS HORAS EN HOSTALERÍA. O xerente de Acisa subliña que “nesta ocasión ademais incluímos nesta campaña a ampliación horaria que ten a hostalaría asociada nesta ponte de catro días, na que só os nosos asociados poden abrir unha hora mais sobre licenza as madrugadas do 14 o 15, do 15 o 16, do 16 o 17, e do 17 o 18 de agosto, para que veciños e visitantes gocen do ocio nocturno, e recordámoslles ademais que non hai mellor lugar para comer, cear ou divertirse que na nosa vila, en Ribadeo”.

LUZAcisa “esixe que se investigue por parte das empresas correspondentes o ocorrido na tarde noite do xoves para o venres co corte de luz que deixou sen subministro durante preto de dúas horas a parte da rúa San Francisco, avenida de Asturias e José Vicente Pérez Martínez. Alguén ten que facerse cargo das perdas ocasionadas na hostalería. É vergonzoso quedar sen luz en pleno mes de agosto co que iso supón para os hostaleiros nunha xornada na que todos estaban cheos”, manifesta Jesús Pérez, o xerente da asociación. 

 

0.12956500053406