Trinta criadores participaron este domingo na Feira do Capón, que recibiu milleiros de persoas

TerraChaXa
Oliva Souto gañou o premio ao maior número de exemplares presentados e á mellor criadora, María José Castro ao mellor par de capóns e á mellor cesta e Luz Divina Castelo recibiu o seu recoñecemento como nova criadora
feira-do-capon-vilalba
22 Dec 2025

Vilalba celebrou este domingo, 21 de decembro, unha nova edición da Feira do Capón, unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo e gastronómico galego, que volveu converter a capital chairega nun punto de encontro para milleiros de veciños, veciñas e visitantes chegados de distintos puntos.

A xornada desenvolveuse cunha gran afluencia de público dende primeira hora da mañá, confirmando o arraigamento dunha feira con case dous séculos de historia, documentada xa no ano 1835, e que para moitas xeracións de vilalbesas e vilalbeses marca tradicionalmente o inicio das festas de Nadal.

Un dos aspectos máis destacados desta edición foi a presenza de todos os criadores na feira, logo do consenso acadado co Concello. Un acordo que permitiu garantir a dispoñibilidade de produto para as persoas que se achegaron á feira coa intención de mercar capón, reforzando así o sentido propio do certame. Na actualidade, Vilalba conta con 30 criadores censados, tres deles baixo a IXP Capón de Vilalba.

Durante o acto central da feira tivo lugar a entrega dos tradicionais premios aos criadores, nunha cerimonia presentada polo xornalista vilalbés Iván Calaza e resultando gañadores: Oliva Souto ao maior número de exemplares presentados e á mellor criadora, María José Castro ao mellor
par de capóns e á mellor cesta e Luz Divina Castelo recibiu o seu recoñecemento como nova criadora.

A programación completouse cunha degustación gratuíta de capón e coa actuación da minibanda de Vilalba, contribuíndo a crear un ambiente festivo e familiar ao longo de toda a mañá.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou durante a súa intervención que “a Feira do Capón é moito máis ca un mercado; é unha cita coa nosa historia, coa nosa tradición e cos reencontros arredor dun dos grandes manxares da nosa gastronomía”. A rexedora quixo agradecer expresamente “o traballo e o esforzo dos criadores e criadoras, porque sen eles non existiría un capón da calidade que fai que o nome de Vilalba chegue nestes días ás mesas de fogares de todo o país”.

Rouco subliñou tamén a importancia do acordo acadado este ano para garantir a presenza de capóns na feira: “todos somos conscientes da alta demanda que existe nas semanas previas, pero tamén de que non pode haber feira sen produto. O consenso acadado demostra que cando se traballa da man, a feira sae reforzada”.

A Feira do Capón de Vilalba pechou así unha nova edición cun balance moi positivo, tanto pola resposta do público como pola implicación do sector produtor, consolidándose un ano máis como unha cita imprescindible do Nadal galego.

VISITANTES

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu á Feira do Capón de Vilalba e destacou os avances rexistrados para a progresiva consolidación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) que ampara este produto, con tres operadores xa certificados. Ademais, salientou a ampla tradición desta feira, a súa vinculación coas datas do Nadal en Galicia e a súa importancia como dinamizadora económica e social da contorna.

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, tamén participou xunto co concelleiro do BNG en Vilalba, Tino Alvite e militantes e simpatizantes da organización, nunha nova edición da feira. Enxalzou o papel destas mostras “feiras como esta do Capón de Vilalba son a chave para o fomentar o consumo de proximidade, para contribuír a un sistema máis sostíbel e á vez xerar máis dinamismo económico no propio territorio. Esta feira é unha celebración do que somos, da nosa identidade, da nosa historia, do noso rural e da nosa dedicación á terra, algo que sería inviable sen a implicación dos criadores".

A deputada nacionalista salientou “as feiras, tanto mensuais como anuais, como neste caso, son xeradoras de economía e permiten o mantemento do rural e nela ponse en valor tamén o queixo de San Simón ou o roscón de Vilalba”.

Nesta liña, o concelleiro do BNG, Tino Alvite, destacou “para iso é preciso proxectos transformadores nos concellos e no País para dinamizar e contribuír á mellora da calidade de vida das persoas que viven aquí, esta feira dá comezo ao Nadal na Terra Chá”.

⚙ Configurar cookies
0.076572179794312