Trinta e unha persoas participaron na primeira saída do Guitiriz en Ruta

TerraChaXa
Trinta e unha persoas participan na ruta do pantano de San Xoán, primeira saída do Guitiriz en Ruta. A próxima saída será o 29 de xaneiro
Ruta Pantano San Xoan guitiriz en ruta
20 Dec 2022

Trinta e unha persoas participaron na ruta do pantano de San Xoán, a saída que deu comezo á quinta edición do programa municipal de sendeirismo Guitiriz en Ruta, que nesta ocasión consta de seis andainas e rematará o 14 de maio de 2023.

A ruta do pantano de San Xoán constou de 15 quilómetros, executados a través dun percorrido circular subindo á area recreativa do pantano. O día acompañou e o grupo, do que formou parte a alcaldesa, Marisol Morandeira, estivo guiado polo presidente da Comunidade de Montes en man común de Lagostelle.

A próxima saída está prevista para o domingo 29 de xaneiro, ao Muíño da Ruxida. A programación inclúe unha ruta por mes das que catro son polo municipio, que son gratuítas, e as outras dúas noutros concellos, que teñen un custe de 5 euros.

As inscricións realizaranse de xeito presencial na casa do concello ou por teléfono no 982 370 109 ata as 14 horas do venres anterior á ruta de sendeirismo programada.

Todas as saídas están abertas ao público en xeral que teña unhas condicións físicas mínimas para poder camiñar varios quilómetros. Completan a programación: a ruta do río Trimaz en Xermade (domingo 26 de febreiro), a ruta do río Requeixo (domingo 26 de marzo), a ruta do Miño en Ombreiro-Lugo (domingo 30 de abril), e a ruta da Cova da Serpe (domingo 14 de maio).

0.091946840286255