Trinta profesionais do sector turístico coñecen a ruta da faba

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Trinta profesionais do sector turístico participan ao longo do día hoxe nun Fam-Trip á Ruta da Faba.
83586123_2242424686063853_2547480265878405120_o
30 Out 2019

Trinta profesionais do sector turístico participan ao longo do día hoxe nun Fam-Trip á Ruta da Faba. A xornada deu comezo no Centro de Interpretación da Faba coa benvida que lles deron aos participantes a alcaldesa, Rocío López; Paloma Vázquez, xefa de Área Provincial de Turismo en Lugo; e o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Alfredo Llano. A acción foi organizada pola Mancomunidade, ao amparo do convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia. 

Alfredo Llano explicou que “esta é unha iniciativa que promove a Mancomunidade de Municipios porque consideramos que é algo moi positivo non soamente para Lourenzá e para toda a actividade da faba senón para a comarca. Estivemos alí con xente profesional do sector que son touroperadores, axentes de turismo ou persoas que teñen negocios relacionados co sector. Polo tanto me parece que é unha visita obrigada e ademais moi interesante do que se pretende amosar e que temos definido como Ruta da Faba”.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña engadiu que “a Ruta da Faba é unha iniciativa extraordinaria que se reparte en varios aspectos como a gastronomía porque ven as diferentes propostas para preparala e como se cultiva. Tamén visitan a paisaxe de todo o val de Lourenzá, onde está cultivada a faba, os muíños, o Pazo de Tovar, onde se fai a degustación gastronómica, e a igrexa de Lourenzá con toda a súa historia e o seu patrimonio. Esta visita non soamente é algo ecolóxico para valorar o cultivo da faba, senón que se complementa con todos os recursos que hai na zona para motivar á xente a que visite a zona de Lourenzá e calquera outro lugar da Mariña. A Mancomunidade son 16 concellos e a faba non soamente se cultiva en Lourenzá, aínda que aí ten o epicentro, e polo tanto penso que a visita pode dar lugar a estenderse e complementarse perfectamente con todo o que nosoutros temos que ofrecer na Mariña”.

Llano subliñou que “é positivo porque esta actividade de hoxe complementa o Mes da Maxia e outras iniciativas que estamos intentando realizar desde a Mancomunidade para que o turismo sexa fluído durante todo o ano. Así que esta é unha iniciativa máis que creo que pode dar bo resultado para que toda esta xente profesional poida recomendar a outra xente que nos visite tanto en Lourenzá como no resto da comarca”.

Este Fam-Trip é unha acción que impulsa a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense coa colaboración dos axentes artífices deste produto durante os obradoiros de deseño de rutas experiencias promovidos polo GDR – Terras de Miranda: a Cooperativa Terras da Mariña, o Pazo de Tovar, o restaurante O Forno de Tovar e o Concello de Lourenzá. Ademais da axencia de receptivo Mariñactiva, comercializadora a día de hoxe da Ruta da Faba.

O vindeiro sábado, 2 de novembro, con motivo da ponte de Todos os Santos, Mariña Activa programa unha saída á Ruta da Faba para o público xeral. O horario aproximado da xornada é de 10:30 a 18:00 horas e o prezo de 55 euros adultos e 30 euros nenos (inclúe comida, entradas, guía, transporte e seguro). Para mais información e reservas hai que contactar no 683 401 865 ou en info@mariñactiva.com.

Alfredo Llano e a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, asistirán mañá en Lugo á xuntanza do Consorcio Provincial de Turismo, que terá lugar na Deputación a partir das cinco da tarde. 

0.17608380317688