Troitas Bravas continúa á fronte da liga de billarda logo da súa segunda xornada

Pol
LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Disputouse no campo de fútbol Manuel Luna con 73 palanadores
segunda-xornada-liga-de-billarda
1 Out 2024

Por Daniel Rodríguez Saavedra

Coa VI edición do Aberto de Billarda A ceo aberto deu comezo a segunda xornada da LNB NorLeste.

Foi no campo de fútbol Manuel Luna de Pol, debidamente acondicionado para a ocasión, onde se deron cita setenta e tres palanadores (47 homes, 16 donas e 10 cativos).

Nunha fermosa mañá, so un pouco de vento puxo en algún aperto aos palanadores que porén souberon capear a situación con bo humor, e falando de humor destacar como sempre a Juncal, palanadora alegre onde as haxa que festexa cada golpe brincando polo campo e que por certo deu a de cal acadando o terceiro posto de donas por detrás das grandísimas estrelas Irea e Alba.

Por equipos os Troitas volven ser Bravas e gañaron con solvencia por diante de Carabullo e dos Billardeiros musicais, seguen a ser o equipo máis numeroso e difícil de bater.

Gañador absoluto foi Sachas con 24 punto e o actual Coroceiro Nacional David Navallo foi segundo con 22. Terceiro foi Sachas, do anfitrión Billarda Verde, logo dun desempate con Dani de Carabullo.

E Madia Leva non dá chance en infantís, os seus fenómenos Diego e Mateu só deixan libre o terceiro posto, ocupado nesta ocasión por un gran Mateo de Troitas.

Entrega de agasallos por parte de Manu aos gañadores e fin de festa emprazándonos para o vindeiro 20 de outubro que volverán xogar na Pontenova. Saúde e billarda sempre.

As clasificacións logo desta segunda xornada quedan así:

Individual:

  • Félix (Billard. Musicais) 43 p.
  • Sachas (Toitas Bravas) 41 P.
  • D. Navallo (Toitas Bravas) 21 p.

Donas:

  • Irea (Carabullo) 36 p.
  • Alba (Troitas Bravas) 32 p.
  • Aroa (Bill. Musicais) 24 p.

Equipos:

  • Troitas Bravas (A Pontenova) 154 p
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 147 p.
  • Carabullo (Ponte Outeiro) 147 p.

Infantís:

  • Diego (Madia Leva) 35 p.
  • Mateu (Madia Leva) 31 p.
  • Antía (Troitas Bravas) 11 p.
0.35750508308411