Troitas Bravas faise co primeiro posto na xeral de billarda logo do triunfo en Ribadeo
Por Daniel Rodríguez Saavedra
O campo de fútbol de Outeiro, na Devesa, atopábase en bastante mal estado, mais a billarda non se achica e coa asistencia de 67 palanadores (45 homes, 14 donas e 7 cativos) disputouse o XVI torneo do Galo, aberto Vila de Ribadeo correspondente á quinta xornada da LNB da conferencia NorLeste da tempada 2023/2024.
A xeada de mañá foi trocando paseniño e desde o alto, Lorenzo foi espectador privilexiado da xornada, ollando como catro grandes da billarda loitaban polo podio final: Basilio, Charli, Navallo e Sachas, empatados a 23 puntos optaban a podio.
Charli (Carabullo) conquista unha nova praza no seu amplo currículo, segundo foi Sachas (Troitas Bravas) e terceiro Basilio (Billardeiros Musicais). Desta volta o bravo David Navallo non puido acompañar o seu compañeiro Sachas no podio.
Disque as Troitas son de auga doce, mais estas Bravas souberon nadar seguras nas augas da Mariña e o seu triunfo na xornada deulles tamén o primeiro posto na xeral. O segundo equipo foron Billardeiros Musicais e terceiros Billarda Río Miño.
En donas, as Musicais Billardeiras Aroa e Geni e mais Sandra (Troitas Bravas) foron as mellores.
En infantís, mais unha volta Diego e Mateu (Madia Leva) fixeron podio como primeiro e terceiro, deixando o segundo posto para Alba (Troitas Bravas).
Agradecemos a presencia do Concelleiro de Deportes de Ribadeo, D. Francisco Silvent, na entrega de medalla de Ouro pra os campións de cada categoría; uns lotes de produtos de Nadal para os tres primeiros da xornada e para o mellor equipo e medallas para tódolos cativos participantes.
Desexamos a todos un Bo Nadal e Aninovo Feliz anunciando que a liga regular retómase o sábado día 13 de xaneiro co V Aberto das Freces en Bretoña.
AS CLASIFICACIÓNS
Individual:
- Charli (Carabulllo) 108 p.
- Basilio (Billardeiros Musicais) 107 p.
- Sachas (Troitas Bravas) 104 p.
Donas:
- Cris (Castiñeiro Milenario) 64 p.
- Geni (Billardeiros Musicais) 62 p.
- Aroa (Billardeiros Musicais) 53 p.
Equipos:
- Troitas Bravas (A Pontenova) 401 p.
- Billardeiros Musicais (Ribadeo) 397 p.
- Madia Leva (Lugo) 355 p.
Infantil:
- Diego (Madia Leva) 74 p.
- Mateu (Madia Leva) 71 p.
- Alba (Troitas Brasvas) 41 p.