Ultiman a equipación da residencia de maiores de Meira para abrir en outubro
A residencia de maiores de Meira ultima os preparativos para a súa apertura no mes de outubro. Así o confirmou o tenente de alcalde, Agustín Méndez, que asegurou que a dotación de mobiliario da residencia está a piques de terminar xa que só quedan "algúns detalles".
Tamén avanzou que están a realizar a contratación do persoal estes días para que todo esté listo á hora de abrir.
O Centro de Atención a Maiores (CAM) neste municipio, dependente da Deputación, contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose preciso, e 20 de centro de día. De feito, xa está aberto o prazo para presentar as instancias de solicitude.
A de Meira sumarase ás outras residencias de maiores postas en marcha pola Deputación nos últimos anos en Pol, Ribadeo, Trabada, Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro.
Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde á adxudicación do último lote pendente, o de cortinaxe, do contrato para o subministro de equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira. Foi adxudicado por 11.276 euros á empresa Rafitextil DTT 3.8, S.L. “Coa adxudicación deste lote, xa está contratado todo o equipamento da residencia de Meira, que ten un custe total de 220.000 euros”, sinalou o Presidente, quen lembrou que a previsión é abrir este centro neste verán.