Ultiman as obras da aula Agustín Fernández Paz e a sala de estudo da Biblioteca Municipal de Vilalba

O Concello de Vilalba avanza na fase final das obras do primeiro andar da Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz, un proxecto impulsado desde a Alcaldía que permitirá crear un novo espazo composto pola aula Agustín Fernández Paz —de carácter expositivo e divulgativo— e unha renovada sala de estudo adaptada ás necesidades actuais dos usuarios e usuarias.
A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron hoxe o avance das obras, nas que xa se está a instalar a nova iluminación e os últimos elementos estruturais.
Durante a visita, a rexedora destacou que se trata “dun proxecto concibido para abrir a biblioteca ao coñecemento e á memoria dun dos escritores máis queridos de Vilalba”. Rouco salientou que a intervención “non é unha simple renovación estética, senón unha aposta firme pola modernización dos servizos públicos e polo recoñecemento ao legado de Agustín Fernández Paz”.
O proxecto abrangue a actuación sobre 150 metros cadrados, creando un espazo diáfano dividido en dúas áreas conectadas: a aula Agustín Fernández Paz, que albergará parte dos fondos doados pola familia ao Concello, nun espazo luminoso cun gran ventanal sobre Vilalba; e a sala de estudo renovada, con novo mobiliario adaptado ás necesidades actuais, teito acústico para reducir a reverberación e luminarias LED.
A alcaldesa, Marta Rouco, adiantou que o Concello xa solicitou financiamento ao abeiro do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos para adquirir o novo mobiliario tanto da aula como da sala de estudo. “Forma parte dun plan máis amplo de mellora dos nosos espazos, que está a avanzar paso a paso”, apuntou.
A intervención rematará nas vindeiras datas e posteriormente iniciarase o proceso de licitación e instalación do mobiliario novo, co obxectivo de que o espazo poida estar plenamente operativo na maior brevidade.