Últimos días para anotarse á Xira dos Maiores
O Concello de Vilalba celebra o próximo mércores 28 de agosto a tradicional Xira dos Maiores na área recreativa da Madalena.
A xornada comezará ás 12:30 horas cunha misa que contará coa participación da coral Luar, á que seguirá unha sesión vermú amenizada polo dúo Venus, un xantar popular, baile e música, de novo, co dúo Venus.
O menú nesta ocasión estará composto por xamón asado, polbo, churrasco, postre e café, cun prezo de 20 euros por persoa. Para poder gozar do mesmo será imprescindible anotarse antes deste venres, 23 de agosto, podendo facelo presencialmente na Casa do Concello ou chamando ao número de teléfono 982.51.03.05.
"É unha xornada perfecta para a fraternidade e os reencontros, á que convido a todos os veciños e veciñas de Vilalba pero tamén ás persoas de municipios limítrofes que xa teñen como tradición asistir a esta cita ou que poden facelo por primeira vez este ano, pois estou segura que gozarán da mesma e quedarán con ganas de repetir", sinalou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.