Últimos días para anotarse ao programa Móvete x As Pontes, que será o 10 de maio

Os establecementos comerciais e hostaleiros das Pontes xa poden inscribirse para participar na nova edición do programa económico Móvete x As Pontes, que se celebrará o sábado 10 de maio de 2025. A data límite para formalizar a inscrición é o 14 de abril, no local social da asociación Cohempo, en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Promovida polo Concello das Pontes e a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes (Cohempo), esta iniciativa, coñecida tamén como a fashion night pontesa, busca converter o municipio nun referente da moda e do comercio de proximidade, promovendo a participación cidadá e o consumo local.
Na edición anterior participaron 22 establecementos comerciais e varios locais de hostalaría que tamén se sumaron á festa ampliando os seus horarios. Este ano, espérase superar esa cifra e contar cunha participación aínda maior.
Como incentivo extra, haberá sorteos para os asistentes, fomentando así a implicación veciñal e a promoción do comercio local.