Últimos días para anotarse aos novos obradoiros Girl STEAM 2024 da Aula Cemit de Guitiriz

TerraChaXa
Esta iniciativa está organizada co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), a Rede CeMIT e o GaiásTech
obradoiros-aula-cemit-guitiri
29 Ago 2024

O venres 30 pecha o prazo para inscribirse nos obradoiros Girl STEAM 2024 do Concello de Guitiriz, cos que se busca fomentar un uso creativo e crítico da tecnoloxía.

Coa actividade, con inscrición de balde, preténdese espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a rapazada de entre 8 e 15 anos a través de obradoiros prácticos impartidos nas Aulas CeMIT de Galicia nun total de 14 concellos. Esta iniciativa está organizada co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), a Rede CeMIT e o GaiásTech.

Co obxectivo de ofrecer contidos plenamente adaptados aos distintos grupos de idade participantes no Girl STEAM 2024, a organización do evento deseñou dúas franxas, unha primeira para a rapazada de entre 8 e 11 anos, o día 4 de setembro, e unha segunda para o grupo de entre 12 e 15 anos, o día 5 de setembro. Ambas quendas teñen un horario de 10.00 a 14.00 horas e un máximo de 10 participantes en cada unha.

As inscricións, que non teñen ningún custo, pódense realizar na propia aula CeMIT de Guitiriz en horario de 9.00 a 14.00 horas. Faranse por orde de chegada.

Nos obradoiros, achegarase ao alumnado ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe, aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos, traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT.

Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclados, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos. Unha iniciativa coa que se busca impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

0.18841481208801