Últimos días para solicitar as axudas que ofrece o Goberno da Deputación co Ben Empregado 4
O Goberno da Deputación mantén aberto ata o 18 de outubro, inclusive, o prazo para que empresas e colectivos sen ánimo de lucro, todos eles da provincia, soliciten axudas de ata un máximo de 22.000 euros para contratar a novos traballadores lucenses que estean no paro. Trátase do Ben Empregado 4, máis social, o plan de emprego que o Executivo Provincial dotou con 2,2 millóns de euros e que permitirá a un mínimo de 150 entidades e asociacións xerar outros tantos novos postos de traballo na provincia.
Os interesados en participar nesta 4 edición do Ben Empregado deberán presentar no rexistro da Deputación (ou por calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas) a documentación que se atopa www.deputacionlugo.gal. Tanto na web da Deputación como no Taboleiro de Anuncios se publicarán os requirimentos de máis información durante o proceso de resolución das subvencións.
3 liñas de financiamento
Os solicitantes poden optar a 3 liñas de financiamento: do 100%, do 90% ou do 50%.
- O Goberno da Deputación asumirá a totalidade dos custos laborais dos traballadores, concedendo ás entidades ou colectivos o 100% da axuda, cando contraten a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, veciños con dificultades físicas ou psíquicas ou vítimas de violencia de xénero, entre outras.
- O Executivo Provincial asumirá o 90% dos custos laborais de novos traballadores en xeral cando sexan contratados por entidades sen ánimo de lucro, contribuíndo deste xeito, á importante actividade social do tecido asociativo lucense.
- Na terceira liña, o Goberno da Deputación asumirá o 50% dos custos laborais de novos traballadores en xeral cando sexan contratados por empresas da provincia.
Requisitos
Poden participar no Ben Empregado 4 todas as entidades e asociacións lucenses agás aquelas empresas que contasen con axudas das anteriores edicións desta programación e, rematada esta, non mantivesen aos traballadores nos postos de traballo xerados; ás que realizasen despedimentos improcedentes nos últimos 12 meses; ás que fosen condenadas por sentenza xudicial firme sobre despedimentos improcedentes ou expedientes sancionadores nos últimos 3 anos; ou ás que renunciasen a subvención do Ben Empregado doutras edicións unha vez seleccionado ao persoal sen tan sequera contratalo durante o período legal de proba.
Máis social
Favoreceranse ás empresas e colectivos que non se teñan beneficiados das anteriores edicións; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa. Ademais, valorarase positivamente, que os promotores das entidades sexan de nova creación, impulsadas por mulleres, mozos de entre 16 a 35 anos ou maiores de 45.
Obrigas
As entidades e colectivos que resulten beneficiados deberán aceptar o traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente.