Últimos días para visitar en Meira a exposición 'Cartas de Amor', sobre a violencia de xénero

A exposición gráfica Cartas de Amor, dedicada a visibilizar e reflexionar sobre a violencia de xénero, poderá visitarse na Casa do Concello de Meira ata o 22 de outubro, en horario de 9:00 a 15:00 horas, de luns a venres.
A mostra, organizada polos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Meira en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, reúne ilustracións e obras gráficas de distintos artistas que abordan esta problemática desde diferentes perspectivas, incluíndo tamén a visión da mocidade.
Cartas de Amor é unha iniciativa que busca promover a sensibilización social e a reflexión colectiva sobre as consecuencias da violencia machista, empregando a arte como medio de expresión e denuncia.
A exposición permanece aberta ao público desde o pasado 27 de setembro e está a recibir unha boa acollida entre veciños, centros educativos e visitantes que se achegan á Casa do Concello para coñecer as obras.
Desde o Concello de Meira animan á cidadanía a aproveitar estes últimos días para visitar esta proposta cultural e social, que convida a poñer o foco na igualdade, o respecto e a erradicación da violencia contra as mulleres.