Un alumno do IES Moncho Valcarce recibe un dos Premios Extraordinarios de Bacharelato
A Xunta de Galicia vén de recoñecer a excelencia académica de 20 alumnos que cursaron 2º de Bacharelato no curso 2023/24 cos premios extraordinarios. Este galardón ten como obxectivo valorar os méritos excepcionais acadados grazas ao esforzo e traballo dos estudantes, que completaron esta etapa educativa cun destacado rendemento académico.
Para optar ao premio, convocado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, os candidatos debían ter unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos no Bacharelato. Ademais, os aspirantes tiveron que superar unha proba presencial que se dividiu en dúas partes. A primeira parte centrouse nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico, científico ou literario, así como a resposta a cuestións culturais ou lingüísticas sobre un texto na primeira lingua estranxeira II cursada polo alumnado como materia común do Bacharelato.
A segunda parte consistiu no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia de modalidade cursada polo alumnado, a elixir entre Ciencias Xerais, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Artes Escénicas II.
Cada un dos galardoados recibirá un incentivo económico de 1.000 euros e un diploma acreditativo. A distinción será reflectida tamén nas certificacións académicas dos estudantes premiados.
Un dos premios foi para Antón de la Fuente Vivero, alumno do IES Moncho Valcarce das Pontes.