Un anaco máis da historia
Os arqueólogos continuaron coa escavación no Castro de Saa, atopando restos de tres etapas cronolóxicas e unha zona de traballo do ferro.
O Castro de Saa continúa a desvelar os seus segredos. Rematou xa unha nova fase da escavación que tiña como obxectivo sacar á luz novas construcións, un anaco máis da muralla e a entrada do castro.
Novamente, os arqueólogos, dirixidos nesta ocasión por Vanesa Trevín, remataron xa a fase de escavación e atópanse agora facendo a consolidación e a selección para a musealización dos achados.
Cando comezaron tiñan en mente centrarse na entrada do castro para ver si había un bastión ou algún tipo de zona de vixilancia para saber como era a propia entrada ao castro. A sorpresa chegou tamén este ano xa que apareceron dous niveis de restos, un de lousas, que pertence á entrada orixinal, e logo unha zona de traballo do ferro, “o que nos leva a pensar que había unha especie de zona de traballo. Non podemos dicir ao cento por cento que era así porque falta por escavar”, pero os restos así o suxiren.
Pero non foi este o único achado. As novidades deste ano son que atoparon tres niveis de construción da zona e de uso do castro, que loxicamente poderían pertencer a tres momentos cronolóxicos distintos. Un deles corresponde a unha casa antiga, que apareceu anulada; o segundo é outro solo de lousas que está relacionado cunha casa grande, que xa fora escavada, e da que atoparon o soportal. O terceiro corresponde a un momento no que o castro se foi abandonando.
Apareceu unha estrutura con material perecedoiro, buratos de poste, encaixos, e un solo que sería un pouco posterior. “Asociado, atopamos a ese nivel algunhas cerámicas que nos invitan a pensar que sería do século II ou III dC”, puntualiza Trevín.
Asociado aos momentos de ocupación do castro, os investigadores da historia atoparon tamén varias fases da vida na muralla. A primeira, a máis antiga, e na segunda un lugar onde percibiron un retranqueo da mesma, a súa posterior caída e finalmente os amaños que fixeron. “É moi interesante ver como esta foi medrando e se fixeron os arranxos, que son visibles a través da investigación” engade Trevín.
Unha vez rematada a escavación propiamente dita, o equipo está en proceso de consolación da estrutura. “Estamos agora facendo una capa de sacrificio na parte de arriba dos muros, porque temos que evitar que se deterioren. Tamén facemos un recrecido aos muros con criterios de explicación para que se comprenda mellor como funcionan”, explica Vanesa Trevín. Outro criterio de protección dos restos.
O QUE QUEDA POR DESCUBRIR
Son varios anos os que se levan traballando no Castro de Saa, con distintas fases e condicionados polo orzamento, as subvencións e a meteoroloxía e aínda queda moito por descubrir. “Non creo que tarde moito a seguinte fase, seguirase pola entrada porque sabemos que nalgún momento a entrada estivo noutro sitio, non sabemos que pasou pero se vai intentar sabelo”, confirma a arqueóloga.
Vanesa Trevín asegura que xa hai moitos datos do castro, que sitúan no cambio de era, entre o século I aC e o I dC. “É unha época na que os romanos están en Lugo e hai intercambios entre a cidade e este castro, de feito, atopamos cerámica feita na cidade”.
Nesta segunda fase que comeza agora, a arqueóloga lembra que a zona é de visita libre. De feito fixéronse durante a Semana Santa unha serie de visitas guiadas que espetaron moito interese da veciñanza que se achegou a coñecer un pouco máis da historia da contorna. Segundo as estimacións do grupo, un centenar de persoas pasou durante esa semana polo Castro de Saa, moitos deles en visita libre.
Por outra banda, os restos atopados e que serán musealizados poderían ir ao CIN de Bretoña, onde xa repousan moitos outros, ou tamén poderían ir ao Castro de Viladonga.