Un cento de labregas abordan en Outeiro de Rei a titularidade compartida
A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, a Asociación Labregas e a Confederación de Mulleres do Mundo Rural (Ceres) celebraron este venres, 22 de setembro, en Vila de Aldea (San Clodio de Aguiar, Outeiro de Rei, Lugo), unha xornada multidisciplinar na que se abordou a cuestión da titularidade compartida nas explotacións e á que asistiron case un cento de labregas.
Así, a xornada comezou cunha mesa de debate sobre o “Dereito de familia en cuestión”, que contou coa participación da avogada Sandra Pena, especialista nesta área legal que trata todo o relacionado coa xestión administrativa e política da unidade familiar, como reparto de bens e dereitos, herdanzas, separacións, divorcios etc. A letrada foi moi tallante á hora de afirmar que, no intre de formalizar unha relación, as mulleres van condicionar as súas vidas en función das condicións en que o fagan. Por iso, Ana Pena aconsellou que, tómese a decisión que se tome ao respecto, se faga sempre sendo conscientes do que implica, pois non é o mesmo facer separación de bens que vivir en réxime de gananciais, sendo esta última opción a maioritaria. Por exemplo, en caso de divorcio, unha muller que leve toda a súa vida traballando na casa da familia do seu cónxuxe, na granxa familiar, se non se fixo cotitular da explotación, non terá dereito case a nada ao non estar a granxa tamén ao seu nome e a pesares de ter sido fundamental o seu traballo para mantela.
A xornada continuou cunha mesa dirixida pola enfermeira e especialista en dereito á saúde, Emma Rodríguez Blanco, que incidiu en como afecta o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia ao desmantelamento de servizos sanitarios no rural, o cal ten repercusión directa na saúde das mulleres labregas, que cada vez teñen máis lonxe do seu domicilio a asistencia médica especializada.
Tralo xantar e unha visita guiada ao proxecto Vila de Aldea, en San Clodio de Aguiar (Outeiro de Rei) -lugar onde se desenvolveu a xornada- continuouse pola tarde, xa centradas no tema fundamental do programa, co obradoiro “Claves para a igualdade nas granxas, titularidade compartida”. Cómpre non esquecer que, dende a súa entrada en vigor o 5 de xaneiro de 2012, a Lei de Titularidade Compartida só conseguiu que se desen de alta como titulares 17 labregas na Galiza e 290 en todo o Estado. Estas cifras son a expresión dun rotundo fracaso á hora de aplicar unha lei que debería solucionar o feito de que, na Galiza, siga habendo 35.000 mulleres que traballan na granxa familiar sen ser titulares e, polo tanto, sen dereitos laborais ou sanitarios pola súa profesión. Se falamos a nivel de Estado, calcúlase que son 400.000 as labregas nesta situación de flagrante desigualdade. Dende a Secretaría das Mulleres do SLG e Ceres estase a defender a necesidade de que a titularidade compartida sexa dada de oficio, aínda que, até o momento, a Administración segue sen responder a un problema á hora de aplicar esta lei que leva arrastrando varios anos e que mantén sen dereitos centos de miles de mulleres que se dedican á agricultura.