Un condutor faleceu en Meira tras chocar contra un muro despois de saírse da vía
Un home faleceu a pasada noite no concello lucense de Meira tras bater contra un muro despois de saírse da vía pola que circulaba. Ademais, debido ao impacto, o vehículo no que viaxaba a vítima precipitouse por un desnivel. Así o relataron os efectivos de Protección Civil da localidade que se achegaron ao punto, nada mais ser alertados polo 112 Galicia.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) tivo constancia do accidente ás dez menos cuarto da noite pasada, grazas á chamada dun particular. Indicaba que un coche se saíra da vía na LU-750, ao redor do punto quilométrico 1, en Meira e que había persoas feridas.
De inmediato, dende o CIAE, requiriuse a intervención dos facultativos sanitarios, que nada mais chegar ao punto citado, só puideron confirmar o falecemento do único ocupante do vehículo.
Ademais do persoal sanitario, os axentes de Tráfico, membros do GES da Pontenova e efectivos de Protección Civil da localidade, desprazáronse ata o lugar tras ser alertados polo 112 Galicia. Do mesmo xeito, requiriuse a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.