Un congreso amosa os resultados do programa Life in Commond Land do Xistral
Na inauguración do encontro, que seguen preto de 120 persoas de maneira presencial e on line, participaron xunto ao presidente o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco Fraga.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o congreso que pon o colofón ao Life in Common Land, un proxecto liderado pola institución provincial, coa colaboración das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, que ten como obxectivo favorecer a conservación dos hábitats característicos da Serra do Xistral, únicos na Europa continental, e promover o aproveitamento sostible da riqueza ambiental deste territorio, integrado na Rede Natura 2000 e Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Na inauguración do encontro, que seguen preto de 120 persoas de maneira presencial e on line, participaron xunto ao presidente o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco Fraga.
José Tomé puxo o proxecto Life, financiado con fondos europeos, como exemplo das políticas da Deputación en apoio do rural. “Estamos convencidos de que a nosa riqueza e diversidade ambiental debe ser una oportunidade de futuro para o rural da provincia de Lugo, sobre todo a través do sector primario e dun turismo sostible, non masificado e comprometido co patrimonio porque, está claro, se non hai poboación nin actividade económica, non hai futuro para o noso rural”, explicou o presidente.
Desta estratexia de traballo, asegurou, emana o Life in Common Land, “un proxecto marcado ademais pola colaboración estreita e directa coas comunidades de montes veciñais en man común dos concellos de Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove”, ás que agradeceu a súa capacidade de traballo e a implicación do proxecto.
O mandatario provincial tamén felicitou polo seu labor ao equipo de técnicos da institución e das universidades de Santiago e A Coruña que participaron na iniciativa, demostrando “unha vez máis, o seu excelente nivel académico e investigador, e o seu compromiso e implicación co territorio”. “A educación superior e os proxectos de investigación das universidades públicas son tamén un factor de desenvolvemento fundamental para o noso rural”, afirmou.
O congreso sobre o proxecto Life in Common Land amosa entre hoxe e mañá, coa presenza de expertos a nivel nacional, o resultados do programa, desenvolvido dende o ano 2017 na Serra do Xistral.
O encontro profesional divídese en cinco grandes bloques sobre os que se xera un debate e a través do que se obterán conclusións que poderán ser de utilidade para outras zonas de Europa. Na xornada deste martes, os bloques estiveron centrados en actividades rurais tradicionais e conservación de hábitats, a restauración de turbeiras e brezais e o mecanismos de pago por resultados de conservación. Mañá mércores levaranse a cabo os dous últimos bloques: unha visita de campo á Serra do Xistral e áreas comunais e conservación de hábitats na Rede Natura 2000. A clausura, na que se coñecerán as conclusións do proxecto e do congreso, será mañá, ás 18:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Entre os relatores participantes, destacan expertos a nivel nacional e internacional que compartirán as súas experiencias dentro doutros proxectos Life ou outras entidades relacionadas, como o zoólogo Carlos Sunyer; Frank Vassen, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Amelia Ortubai, unha das responsables do Life Oreka Mendian, do País Vasco; Laure Kufhuss, economista do instituto escocés James Hutton; Alfred Ferris, da Asociación Portuguesa de Tracción Animal; ou James Moran, da Universidade Tecnolóxica do Atlántico de Galway, en Irlanda.
Medida pioneira replicable en Europa
A Serra do Xistral conta cun conxunto de hábitats único na Europa continental: as turbeiras e os queirogais húmidos. A súa conservación está estreitamente ligada ás actividades tradicionais, como a gandería de vacún e as bestas salvaxes, e aporta valores naturais importantes en tanto que constitúen un almacén de carbono clave no contexto do cambio climático e son reservorio de auga e de biodiversidade.
Para sacar adiante este proxecto, a Deputación, en colaboración coas universidades de Santiago e A Coruña, traballou man a man coas comunidades de montes veciñais da Balsa, Boimente, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Tenente e Xistral, Santo Tomé de Recaré, Silán e Vilacampa, pertencentes a 6 concellos do norte da provincia de Lugo: Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove.
De feito, no marco do programa Life, a institución levou a cabo unha iniciativa pioneira, que poderá replicarse noutros territorios europeos, consistente en pagos compensatorios por un importe total de 300.000€ ás comunidades de montes polos resultados de conservación que lograron seguindo o modelo de xestión deseñado no propio proxecto europeo. Algún exemplo desas accións que permiten ver esa mellora no hábitat son as rozas, plantacións, mantemento e manexo sostible do gando nos hábitats prioritarios, control da vexetación, ou xestión das infraestruturas de xestión gandeira, como cercados e bebedeiros, entre outras.