Un convenio con Abanca e AFundación premitirán abrir a mostra Castelao Grafista en Vilalba
O Concello de Vilalba, a Fundación Galicia Obra Social (AFundación) e a corporación bancaria Abanca veñen de asinar un convenio de colaboración para a exhibición da exposición Castelao grafista (fascímile) na casa da cultura de Vilalba durante o vindeiro mes de maio.
E para facer efectivo dito convenio, os representantes das tres entidades colaboradoras, Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, Oscar Rodríguez, en representación de Abanca e Beatriz Fernández, en representación de Afundación, reuníronse na mañá de hoxe no Concello de Vilalba para desgranar as particularidades da exhibición e proceder á sinatura do convenio.
Unha reunión na que a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou "a importancia de divulgar unha traxectoria tan impresionante como a de Rodríguez Castelao, quen descubrimos que pasara pola nosa vila para participar no Ateneo Cultural de Vilalba no ano 1936 e cuxo legado merece ser coñecido e recoñecido por todos nós".
En concreto, trátase dunha exhibición das múltiples facetas do caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co obxectivo de dar difusión á súa obra e divulgar o seu pensamento.
Así pois, a sala Ramón Guntín da casa da cultura de Vilalba será a localización que acolla a exposición en homenaxe a Castelao a partir do vindeiro martes 30 de abril, data que na que terá lugar a presentación da mesma, ata o remate do mes de maio en horario de visita de luns a venres de 11 a 13 e de 17.30 a 20 horas.