Un curso de vídeo formará a doce alumnos do CEIP de Begonte para o Certame Audiovisual do Belén

O venres 14 de novembro, comeza no CEIP de Begonte un curso de vídeo no que participará unha ducia de alumnos e alumnas do centro. A iniciativa enmárcase na colaboración entre o Belén de Begonte e o colexio, co obxectivo de ofrecer ao alumnado unha formación básica que lles permita participar no Certame Audiovisual que o Belén convocará con motivo da próxima tempada do Belén Electrónico.
A participación é totalmente voluntaria e o grupo xa está pechado cos doce estudantes seleccionados. Ao longo de tres sesións, os días 14, 21 e 28 deste mes, en horario de 12.15 a 14.15 horas, recibirán contidos teóricos e prácticos sobre linguaxe audiovisual, manexo básico de cámara e nocións de guión, encadre e montaxe.
O curso será impartido pola creadora audiovisual Begoña Pérez, que acompañará o alumnado no deseño e gravación das súas propias pezas, co fin de que poidan presentar traballos ao certame vinculado ao Belén Electrónico de Begonte. Desde a organización sublíñase que esta actividade pretende, ademais de fomentar a creatividade, achegar o mundo da comunicación e da imaxe ás xeracións máis novas.