Un dispositivo policial nas Pontes controlará as festas privadas de fin de ano
O concello das Pontes, a través da Policía Local, activará en Fin de Ano un dispositivo especial de seguridade e vixilancia para controlar o cumprimento das medidas sanitarias e as restricións establecidas polo goberno autonómico fronte á Covid-19.
Este operativo estará centrado en evitar a celebración de festas privadas, tanto en vía publica como piso, baixos e garaxes, as aglomeracións e velar polo cumprimento das restricións de mobilidade nocturna que estableza o goberno autonómico para a Noitevella, condutas que poderían levar a imposición de sancións de entre 100 euros, por non levar máscara, ata os 60.000 euros por poñer en grave risco a saúde pública.
Desde o Concello das Pontes apuntan que “o noso municipio está no nivel máximo de restricións, cunha incidencia superior aos 250 casos por cada 100.000 habitantes e non podemos permitir este tipo de festas que poñen en risco non só a saúde das persoas que participan senón do resto de veciñas e veciños”
Deste xeito, os axentes vixiarán as celebracións privadas, que poderían levar a imposición de sancións, aplicables tanto ás persoas organizadoras e asistentes así como ás persoas que aluguen os espazos (piso, garaxes, baixos, etc ) para estas festas.
Así mesmo, reforzarase a vixilancia nos espazos público ao aire co obxectivo de que se cumpran as restricións e garantir o benestar da cidadanía, vixiando de forma especial a celebración de posibles botellóns e facendo un especial seguimento das reunións entre non coniventes en espazos públicos, en virtude da normativa que estableza o Goberno Autonómico para o día 31 de decembro.
O goberno local apela á responsabilidade da veciñanza e pide que se “continúe axuntando esforzos e se adopten as medidas de prevención coa máxima responsabilidade, evitando calquera situación que poida poñer en risco a saúde e a seguridade da poboación. A prioridade debe ser que non se produzan novos contaxios cun seguimento rigoroso das medias sanitarias”