Un encontro no Basanta Silva visibiliza o traballo das mulleres nos corpos de seguridade

TerraChaXa
A subdelegada do Goberno participou na xornada proposta para difundir o labor das profesionais dentro dos corpos da Garda Civil e Policía Nacional.
encontro basanta silva polica garda civil 8M
7 Mar 2024

A subdelegada do Goberno participou na xornada proposta para difundir o labor das profesionais dentro dos corpos da Garda Civil e Policía Nacional. Estas actividades serven para dar a coñecer a mulleres referentes que desenvolven a súa vida profesional en sectores tradicionalmente masculinizados, amosando unha opción de futuro para as nenas lonxe de estereotipos sexistas.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou na xornada arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, organizada no marco do Plan Director da Garda Civil para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e a súa contorna. A actividade proposta foi a difusión do traballo que fan as mulleres dentro dos corpos da Garda Civil e a Policía Nacional, grazas á colaboración entre este plan e a Unidade de Participación Cidadán. A subdelegada recoñeceu que este tipo de charlas sobre mulleres son importantes xa que axudan a dar visibilidade a unha realidade crecente e a reducir o estigma de que estas profesións son tan só masculinas.

A subdelegada puxo en valor que todo o traballo que están a realizar e desenvolver estas axentes serve “para dar a coñecer a mulleres referentes que desenvolven a súa vida profesional en sectores nos que tradicionalmente non tiñan presenza algunha, amosando unha opción de futuro para as nenas lonxe de estereotipos sexistas”.

“Esta pode ser unha boa oportunidade para escoitar o seu día a día e como actúan e traballan na protección e defensa cidadá, un labor moitas veces invisibilizado e incluso infravalorado” declarou a subdelegada.

Interviron nas charlas Ana Isabel Caleya, sarxento de Seguridade Cidadá de Baralla; Sonia Yolanda Santiso, do Equipo de Investigación Tecnolóxica da UOPJ; Mª José Andia, do equipo de Intervención de Armas e Explosivos de Vilalba; e Jessica Veiga, de atestados do Subsector de Tráfico en Lugo.

Na xornada, preto de 200 alumnas e alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato mais o equipo docente do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, puideron botar unha ollada ás diferentes especialidades, formacións e cometidos que realizan estas axentes de Policía e Garda Civil nos seus postos e coñecer un pouco máis as súas funcións.

Máis formación para o alumnado

Esta é unha das moitas charlas e exhibicións que realiza á Garda Civil para escolares. Entre outras actividades están previstas en colexios lucenses charlas sobre Violencia de Xénero ou a prevención de delitos sexuais, así como outras temáticas de gran relevancia tamén como son as drogas e o alcohol, a ciberseguridade, acoso escolar ou a protección de datos, entre outros.

0.15354800224304