Un espectáculo para bebés retoma os Xoves na Biblio este mes
A biblioteca das Pontes retoma os Xoves na Biblio mañá cun programa que abre cinco citas culturais este mes de novembro. Todas elas como sempre ás 18.00 do xoves na Casa Dopeso.
Este mes vén cargado de actividades pensadas para os máis pequenos da casa. Haberá espectáculos de contacontos musicais con monicreques, teatro, música, até nos haberá buscadores de estrelas no espazo.
A primeira sesión será unha actuación de monicreques a cargo de Animar-T, co título Onde está o vento. Está dirixida especialmente a nenos de 1 a 5 anos.
Tareixa, o que máis lle gusta no mundo é xogar co seu muíño. Pero un día o vento desaparece e o seu xoguete deixa de xirar. A pequena decide emprender unha longa viaxe para saber por que xa non hai vento. No camiño atopará moitas personaxes e vivirá grandes aventuras. E por fin, descobre o misterio: As nubes están moi enfermas, por iso non poden facer soprar o vento. Están moi enfermas porque os humanos levamos moitos anos contaminando. Conseguirá Tareixa, xunto co público, que o seu muíño volva xirar?