Un estudante de Meira recibe a primeira bolsa da Fundación Caixa Rural

TerraChaXa
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas adxudica a primeira bolsa para estudos de posgrao a un estudante de Meira
bolsa posgrado fundacion caixa rural portada
23 Xuño 2022

A Fundación  Caixa Rural  Galega Tomás Notario Vacas resolveu a primeira convocatoria de bolsas para Estudos de posgrao coa concesión dunha bolsa a Alexandre Rico Fernández, un estudante de Meira de 25 anos que actualmente se atopa cursando un programa de intercambio en Estados Unidos sobre a análise de diferentes estratexias de tratamento de enfermidades, así como a implementación e manexo de datos en explotacións gandeiras.

Alexandre graduouse en Veterinaria na Facultade de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e decidiu ampliar a súa formación viaxando para iso a Estados Unidos, concretamente a Minnesota para realizar un programa de intercambio universitario.

Decatado da convocatoria da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, presentou a súa solicitude para obter unha beca dotada cun máximo de 40.000 euros para cursar un Máster en Medicina Preventiva Veterinaria impartido pola Universidade de California en Davis.

A vocación polo mundo gandeiro vénlle de neno xa que naceu no seo dunha familia de veterinarios e gandeiros da Terra Cha, sendo por iso perfecto coñecedor do ambiente rural e da comunidade láctea. Ademais de destacar por méritos académicos, Alexandre tamén destacou no aspecto deportivo formando parte da Selección Galega de fútbol sala sub-14, sub-16 e sub-19 y foi membro do Azkar Lugo ata 2019.

Entre as motivacións de Alexandre para estudar lonxe da súa terra está a capacitación para poder achegar valor á nosa comunidade, considerando que á súa a xeración correspóndelle pasar de ser observadora a ser protagonista no devir do rural galego que está fortemente ligado aos sectores agroalimentario e forestal. Considera que é o momento de dar un paso á fronte, de asumir o compromiso coa nosa terra e de aceptar o desafío de prosperar.

Para a Fundación, Alexandre cumpre todos os obxectivos que se perseguen coa concesión da bolsa xa que tanto o  máster como o centro onde cursará os seus estudos son de máximo nivel e vangarda internacional, o que permite perseguir a excelencia e especialización que se pretenden, co obxectivo de que todo iso poida reverter no progreso e na mellora das actividades produtivas e polo tanto ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

bolsa posgrado fundacion caixa rural
0.1352641582489