Un estudo da USC explica as preferencias climáticas dos galegos
É ben coñecida a estreita influencia do clima eo tempo atmosférico sobre a vida diaria, o confort e a saúde das persoas, así como sobre moitas das actividades económicas e de ocio que realizan. Así, de poder elixir as características ideais do clima onde vivir, cales serían as preferidas dos galegos e galegas?, cales serían os lugares de Galicia cunha mellor aptitude climática?
Para contestar a estas preguntas, o profesor de Xeografía Física da USC Alberto Martí e o xeógrafo e climatólogo Damián Caballero realizaron 700 enquisas por toda Galicia que demostran que o clima ideal para unha maioría da poboación galega sería aquel con veráns con temperaturas suaves, moitas horas de sol e poucos días de choiva, e invernos suaves, ademais de ventos frouxos ou escasos e unha humidade media/baixa.
Mais nas respostas se observan distintas opinións en función do xénero, idade ou residencia. Así, as mulleres, a poboación urbana e a de costa prefiren poucos días de choiva. E mentres que a masculina do medio rural e do interior mostra preferencia por invernos fríos, as mulleres e as persoas de máis de 70 anos prefíreos suaves. Ademais, os veranos cálidos ou calorosos son máis desexados pola poboación urbana, unha opción que curiosamente ninguén maior de 70 elixiu, “seguramente polos efectos prexudiciais das altas temperaturas sobre a súa saúde”, matizan os investigadores.
Cualidades climáticas preferidas polos galegos e galegas para o lugar onde vivir
Outra das curiosidades da enquisa que atoparon os seus autores foi a coincidencia das preferencias coas características climáticas opostas ás que viven. Deste xeito, os habitantes da provincia de Ourense decántanse por veráns suaves, mentres que os de Lugo os prefiren cálidos e invernos suaves.
A costa pontevedresa
Tendo en conta estas preferencias máis as condicións climáticas reais de Galicia, os espazos con maior aptitude climática para vivir correspóndense coa franxa litoral atlántica, pero moi especialmente coas áreas en torno ás rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, así como os concellos do Baixo Miño entre Tui e A Garda. Nesa zona, como explican os autores, a proximidade ao océano “favorece a moderación das temperaturas durante todo o ano e ambientes suaves tanto en verán como en inverno, ademais dunha maior insolación”. Tamén na provincia de Ourense as Terras do Bolo e do val do Bibei, así como algunhas zonas de mediana altitude da Baixa Limia son destacados positivamente neste ránking debido a unha elevada insolación, menor número de días de choiva e veráns con temperaturas máximas suaves debido ao efecto da altitude.
No outro extremo, os lugares con menor aptitude climática para os galegos e galegos son as áreas de montaña, ben pola súa elevada altitude, como ocorre na Serra de Ancares, Macizo de Trevinca ou en Cabeza de Manzaneda, ou pola súa posición septentrional, como as serras do norte das provincias de Lugo e A Coruña (Faladoira, Xistral, Lourenzá ou Meira). Estes espazos de montaña teñen ambientes máis extremos, con nebulosidade abundante e un menor número de horas de sol, máis días de precipitación e invernos moi fríos e veráns frescos.
A maior parte do interior de Galicia presenta uns valores de aptitude climática intermedios. Nuns casos debido á maior frecuencia de días de precipitación, á menor insolación e a temperaturas invernais baixas ou moi baixas, como o interior das provincias da Coruña e Lugo. Noutros, polos valores térmicos extremos que teñen lugar, tanto en inverno como, sobre todo, en verán, como é o caso das depresións interiores de Monforte, Verín e Ourense, o val do río Miño ao seu paso polas comarcas de Ribeiro, Paradanta e Condado, o val do río Sil en Valdeorras ou o do Tea ao sur da provincia de Pontevedra, onde os veráns acostuman ser moi calorosos.