Un estudo sobre mámoas gaña o Certame de investigación de Friol
Un estudo sobre as mámoas e os petróglifos de Friol, elaborado por Xabier Moure e Brais Rodríguez, gañou o primeiro premio na segunda edición do Certame de Investigación Histórica e Cultural sobre o municipio de Friol, que foi convocado polo Concello, a asociación Carballo Vivo e a facultade de Ciencias da Educación da USC. Os gañadores deste certeme recibirán como premio 2.000 euros.
Xabier Moure e Brais Rodríguez fixeron referencia no seu traballo a vestixios dos que xa había constancia e aos xacementos que eles mesmos acharon logo dun intenso traballo de campo nos últimos tres anos.
No traballo premiado, o número de mámoas elévase a máis de 200, ao engadirse as descubertas por Moure e Rodríguez, e destácase a riqueza deses xacementos en Friol, en especial a necrópole de Monteirón, en Narla, e as de Vilalvite e Muruxosa, que conservan o dolmen.
Os premiados aspiran a publicar este traballo engadindo os xacementos que acharon nos últimos meses, co estudo xa entregado. De feito, hai unhas semanas localizaron un dolmen cuns valiosos gravados en Miraz.
O segundo premio, dotado de 500, foi para Ana Fariñas, que tamén puxo o foco no Friol Prehistórico.
O xurado, que enxalzou a calidade destes estudos, estivo integrado polo alcalde, José Ángel Santos; o presidente de Carballo Vivo, José Manuel Yglesias; o investigador Javier Gómez Vila, a pedagoga Montserrat Castro e o escritor Antonio Reigosa.