Un grupo de veciñas de Friol realiza un traballo de investigación sobre os epitafios da zona

TerraChaXa
Armadas con papel, bolígrafo e cámara fotográfica ou teléfono, unha vintena de persoas realizaron nestes días pasados un traballo de investigación polas parroquias do concello de Friol.
71527478_10215145745657452_4260636136344387584_n
3 Dec 2019

Armadas con papel, bolígrafo e cámara fotográfica ou teléfono, unha vintena de persoas realizaron nestes días pasados un traballo de investigación polas parroquias do concello de Friol. O singular obxectivo era visitar os camposantos, visualizar os epitafios, facer recollida dos máis chamativos e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo en detalle.

Esta iniciativa botou a andar no mes de setembro, durante a celebración dunha Xornada de Dinamización da Cultura e a Economía no rural. Coa coordinación de Matías Nicieza -autor do documental Palabra e Memoria, centrado no patrimonio funerario dos cemiterios de Burela- e a axuda de Noelia Lamas, unha das actividades realizadas polo conxunto de participantes foi a realización dunha demostración de traballo de campo dentro do camposanto da parroquia de San Xulián de Friol.

Uns días máis tarde, un grupo de mulleres de varias parroquias do municipio friolense crearon un grupo whatsapp e puxeron en marcha o traballo coordinado, ofrecendo explicación sobre o procedemento a seguir e distribuíndo as responsabilidades.

Deste xeito, en só cinco días fixeron as visitas e enviaron os informes. Aínda que non foi realizado un estudo exhaustivo da documentación recollida xa teñen as primeira conclusións. Segundo indican, chama a atención o divorcio entre as expresións oral e escrita tan presente no conxunto da sociedade. Unha boa mostra témola en que, sendo as terras de Friol unha zona en que o uso do galego falado é moi elevado, a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparezan as palabras "muller", "home", "fillos" ou "netos" son aínda escasas, se ben é certo que se nota a tendencia emerxente, moi especialmente nestes anos que levamos do século XXI.

Neste sentido, Serén con alomenos 6 placas de 34 contabilizadas (que supoñen máis do 11% das inscricións recontadas), Brá con 6 de 76 nichos (que supoñen máis do 7% dos nichos), Lea co 5,17% do recontado en galego e Carballo con 5 de 98 nichos están na posición de vangarda; tamén destacaron as cifras atopadas en Friol e San Martiño de Condes, con 7 inscricións cada un pero tendo en conta que estas parroquias son máis grandes e con ceminterios de entre 500 e 700 sepulturas. Aínda así, tamén é certo que noutras parroquias coma Silvela, Trasmonte ou Prado as catro décadas de oficialización e ensino da lingua galega aínda non deron resultados e o galego entrou no recinto funerario só na fala das persoas que os visitan mais non permaneceu na expresión escrita.

Unha vez realizado o traballo de campo, o conxunto dos participantes nesta iniciativa de dinamización cultural realizarán unha posta en común para catalogar o material recollido e proceder ao seu estudo. Ao mesmo tempo, teñen previsto programar actividades de divulgación e sensibilización veciñal.

0.15728807449341