Un guion de cine do alumnado de Foz recibiu un premio autonómico
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na décima gala de entrega dos premios do certame de cine OUFF Escola, celebrada no Auditorio Municipal da Cidade das Burgas, na que foi premiado o IES de Foz.
Valentín García valorou o esforzo realizado por profesorado e alumnado para realizar estas curtas, “que son unha mostra da creatividade e da capacidade da mocidade para expresar o que é, pensa, sente ou lle preocupa en lingua galega”. O secretario xeral tamén quixo animar “a todo o profesorado a empregar o audiovisual como vía para un ensino innovador, atractivo e comunicativo da lingua propia de Galicia”.
A que xa é décima edición do Certame de Cinema OUFF Escola outorgoulle este ano o primeiro premio na categoría de Infantil e Primaria ao traballo Agapito vai de viaxe, do CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira, A Coruña). O segundo premio recaeu en A gorra da sorte, do CPR Plurilingüe María Assumpta (Noia, A Coruña) e o Premio Blanco Amor ao mellor guión, en Medrando en dereitos, do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu, Pontevedra).
Na categoría de secundaria, o primeiro premio de Outros niveis de ensino non universitario lle foi concedido ao IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña) pola curta Deámoslles voz. O segundo recaeu na proposta Pulso, do IES Chan do Monte (Marín, Pontevedra). Nesta modalidade, o Premio Blanco Amor ao mellor guión correspondeulle ao filme Mans salgadas, do IES de Foz (Foz, Lugo).
OUFF Escola é un certame de cinema convocado pola Concellaría de Cultura de Ourense e pola Consellería de Cultura e Turismo no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Nacido hai dez anos, ten os obxectivos de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.