Un monte da Pastoriza acada por primeira vez a certificación forestal FSC

TerraChaXa
A comunidade de montes veciñais en man común de Saldanxe, no concello lucense da Pastoriza, acadou o selo de xestión forestal sostible polo sistema de certificación forestal FSC.
image_gallery 1
27 Feb 2020

A comunidade de montes veciñais en man común de Saldanxe, no concello lucense da Pastoriza, acadou o selo de xestión forestal sostible polo sistema de certificación forestal FSC. Trátase do primeiro monte xestionado pola Consellería de Medio Rural en obter este certificado, conxuntamente con outros dous montes da provincia da Coruña. O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou a zona acompañado polo presidente da comunidade de montes; polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan. Tamén asistiron representantes do sistema FSC, así como técnicos da Consellería e axentes do distrito forestal.

Despois de que no pasado mes de decembro se fixese unha auditoría do sistema de xestión forestal dos montes en convenio ou consorcio coa Xunta, o 14 de xaneiro obtívose finalmente o certificado FSC, incluíndose os tres primeiros montes, o número e a superficie forestal total que será ampliada progresivamente nos vindeiros meses. Esa certificación FSC complementouse cunha auditoría para obter o certificado ecosistémico de secuestro e almacenamento de carbono dos bosques certificados, sendo a primeira vez que un xestor forestal acada este recoñecemento en España.

Así, o conselleiro puxo en valor que “Galicia, unha vez máis, vai por diante, neste caso nun sector coma o forestal no que a nosa comunidade xa é líder a nivel nacional” e enmarcou estes avances na Galicia Verde. Destacou, así mesmo, que esta adecuada xestión ambiental ten tamén unha repercusión positiva nos eidos social e económico e lembrou que estas políticas “van na liña das recomendacións da Comisión forestal do Parlamento galego”. Na mesma liña, José González salientou que a Xunta avoga por un monte “ordenado e certificado” e por iso “en todas as ordes de axudas forestais que estamos a publicar estamos promovendo que a madeira estea certificada”, subliñou.

O FSC elaborou no ano 2019 unha serie de ferramentas para promover os pagos por servizos do ecosistema. Trátase dunha nova medida para os titulares de certificados FSC que ten a finalidade de demostrar ante terceiros que se están a preservar estes beneficios naturais.

Nesta liña, José González insistiu en que a certificación forestal serve como medida de concienciación medioambiental, posto que informa ao consumidor de que produtos proveñen de montes xestionados de forma sostible, como a madeira, a carne, a castaña ou os cogomelos. Polo tanto, engadiu, trátase dunha ferramenta de mercado que favorece a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que beneficia a súa demanda. O conselleiro lembrou que Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con preto do 60% do volume de cortas en España. Así, no 2018 solicitáronse case 10 millóns de metros cúbicos de cortas de madeira para o aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada.

O titular de Medio Rural salientou tamén que a superficie dos montes xestionados pola Xunta baixo o outro selo de certificación forestal (PEFC) medrou un 35%. Deste xeito, dixo, pasouse de case 58.000 hectáreas no ano 2018 a preto de 77.000 hectáreas na actualidade.

Pola súa parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal destacou a importancia destes selos de certificación para garantir o acceso da madeira dos nosos montes aos mercados, á vez que garante tamén a propia sustentabilidade e xestión dos montes. De aí, sinalou, que sexa necesario realizar un esforzo conxunto por incrementar as superficies forestais certificadas na nosa comunidade, co fin de asegurar a viabilidade dos aproveitamentos forestais en xeral e dos madeireiros en particular.

0.10458397865295