Un neno de Ribadeo novo beneficiario da Campaña dos tapóns solidarios

TerraChaXa | AMariñaXa
O presidente da Deputación, Darío Campos, participou no acto de entrega dun novo talón, conseguido coa iniciativa solidaria Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, posta en marcha pola Fundación Puro Cora, e coa que colabora o Goberno da Deputación xunto con outras institucións e asociacións lucenses.
Un neno de Ribadeo novo beneficiario da Campaña dos tapóns solidarios
22 Feb 2019

O presidente da Deputación, Darío Campos, participou no acto de entrega dun novo talón, conseguido coa iniciativa solidaria Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, posta en marcha pola Fundación Puro Cora, e coa que colabora o Goberno da Deputación xunto con outras institucións e asociacións lucenses. Esta campaña naceu para axudar a rapaces con enfermidades ou trastornos graves ou necesidades especiais ó tempo que contribúe á conservación do medio favorecendo a reciclaxe de plásticos.
Este ano o beneficiario é Darius Gabriel  Dumitrescu, un neno de oito anos de Ribadeo, que sofre atrofia muscular espinal, máis coñecida polo seu acrónimo: Ame. Trátase dunha desas denominadas enfermidades raras que afectan a moi pouca poboación. No caso da provincia de Lugo, o número de afectados por Ame é de tres persoas, ademais de Darius hai dous afectados mais, un en Lugo e o outro en Monforte de Lemos.
Os lucenses prestaron novamente a súa colaboración a esta iniciativa solidaria, conseguindo reunir 10 toneladas de tapóns de plásticos, que supoñen unha recadación de 2.600 euros para pagar as sesións de fisioterapia que recibirá Darius ao longo de este ano 2019.  
Neste proxecto, ademais da Deputación, participan entidades, asociacións e empresas que colaboran nesta campaña co fin de axudar a mellorar a calidade de vida das persoas que posúen algún problema grave ou eiva que lle impide desenvolver unha vida con normalidade, con especial atención á infancia.
O Goberno da Deputación colabora con esta iniciativa desde a súa creación no ano 2012. A partir de agora o banco de tapóns pasa a ser xestionado por APSNAIS, que será quen centralice estes traballos, tanto a selección como a recolección dos tapóns. E ademais será quen reciba a partir de agora a recadación dos mesmos.

0.14821100234985