Un novo acordo con Vilalba Aberta permite o Goberno local o desbloqueo do pago a provedores
O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de asinar un novo acordo co goberno en minoría do PSOE. O documento, que desbloquea o pago a provedores, ratificouse nun Pleno Extraordinario no que ámbalas dúas formacións políticas votaron favorablemente á modificación do orzamento vixente (2019) a través da modalidade de suplemento de crédito, incorporando un total de 850.000 euros, destinados a incrementar partidas relativas a vías públicas, alumeado público, educación, festas, deportes, SGAE e servizos sociais.
Esta modificación do crédito fará posible incrementar determinadas partidas co remanente líquido de tesourería, realizando unha estimación dos gastos que non poderán demorarse ata o exercicio seguinte.
En concreto, incrementaranse catro partidas relativas a vías públicas por un valor total de 214.500 euros e tres de alumeado público con 235.375 euros. Na área de educación, ampliarase o crédito en 27.500 euros, na de deportes, 187.000 euros, e na de servizos sociais, 41.250 euros. Tamén se financiarán os gastos das festas con 123.750 euros e 11.000 euros destinaranse ao pago posterior de facturas á SGAE.
“Sen este acordo, o Concello non podería facer fronte a moitos dos pagos da anualidade ao estar as contas prorrogadas e, de novo, actuamos pensando nos veciños/as autónomos e no interese xeral da veciñanza”, explicou a este respecto o voceiro da formación municipalista, Modesto Renda.