Un novo acordo en Vilalba permite destinar axudas a 42 entidades
O Concello de Vilalba celebra hoxe un pleno extraordinario para aprobar as subvencións nominativas destinadas ás entidades e asociacións de diferentes eidos que desenvolven o seu traballo no municipio.
O Grupo de Goberno do PSOE e o Grupo Municipal de Vilalba Aberta veñen de anunciar un acordo que fará posible a distribución destas achegas co voto favorable no pleno extraordinario.
Ámbalas dúas formacións políticas concordan de novo na necesidade de mellorar a vida dos vilalbeses e vilalbesas a través do tecido asociativo, destinando recursos públicos para as colectividades que co seu traballo diario dinamizan o pobo, achegan servizos, fomentan o deporte ou potencian a actividade cultural no municipio.
En concreto, o concello destinará 308.400 euros a apoiar as actividades destas entidades sociais, veciñais, empresariais, educativas, culturais ou deportivas, nas que participan milleiros de veciños e veciñas.
No ámbito asistencial, recibirán subvencións o Hospital Asilo; a Fundación Vilalba Terra Chá; a asociación de ex alcohólicos, e as aulas da Terceira Idade. Dentro do ensino, as beneficiarias serán as Anpas da Escola de Educación Infantil de Vilalba e dos CEIP Manuel Mato Vizoso e Antonio Ínsua Bermúdez.
Dentro do deporte, as entidades beneficiarias son o Club Tenis Vilalbés; Club Loitas Olímpicas; Club Vilalba Fútbol Sala; Racing Club Vilalbés; Club Deportivo Santaballés; Asociación Cultural Deportiva Goiriz; Club Deportivo Albense; Club TDM Vilalba; Agrupación Polideportiva San Ramón de Vilalba; Club Baloncesto Terra Chá; Asociación Deportiva Catro Roldas; Club Pádel Vilalba; Club Atletismo Vilalba; Club Deportivo Codesido; Club Ciclista Terra Chá; Club Atlético Terra Chá, e Club Ciclista Vilalba-As Pontes.
No eido cultural, a Coral Polifónica Vilalbesa; a Coral Luar; Iescha; Centro Cultural; a Asociación de Amigos da Liga Santaballesa; a asociación Praza San Xoán; a Escola de Música de Vilalba; a Asociación de Mulleres de Insua e a Asociación Cultural en Movemento.
Tamén recibirán subvencións a asociación de veciños Escola Habanera de Tardade, a asociación de veciños de Carballido e a asociación Liga Santaballesa para as obras de reforma da escola reitoral de Santaballa.
A Asociación de Empresarios Sete Pontes recibirá unha subvención para a promoción do comercio local, e haberá tamén partidas para Protección Civil; Fegamp; Asociación de Apicultura Serra da Carba; Asociación Veciñal San Cosme de Nete, e as comisións de festas parroquiais. Neste senso, o concello destina unha partida para aquelas parroquias que nesta anualidade realizaran algún tipo de celebración dentro da situación sanitaria, incrementando o importe cando se recupere a normalidade.