Un obradoiro compartido dixitalizará o arquivo municipal de Vilalba
O novo obradoiro de emprego que compartirán os concellos de Vilalba e de Abadín realizará, entre outros traballos, labores de dixitalización do arquivo municipal vilalbés. Segundo explica o alcalde, Agustín Baamonde, gran parte dos documentos están gardados no soto da Casa Consistorial da capital chairega, aínda que hai tamén unha parte que aínda non se trasladou.
O alcalde, Agustín Baamonde, explicou a urxencia de proceder á dixitalización de toda a documentación existente actualmente "porque buscar algo é unha aventura hoxe en día".
Pasar esa documentación a soporte informático permitirá evitar un problema que en certo xeito, admitiu Baamonde, avecíñaselle ao Concello, o da falta de espazo pola acumulación de documentos en papel. Indicou tamén que "non creo que cun só obradoiro consigamos completar o traballo pero polo menos temos que empezar para ir adiantando".
O obradoiro, que terá tamén outro módulo dedicado a xardinería, comezará a funcionar este mes e nel participarán unhas 30 persoas que tamén realizarán traballos documentais no Concello de Abadín, onde se está a facer o cambio do Concello.