Un obradoiro en Pino ensinará a crear un tarxeteiro de coiro artesanal nunha soa xornada

TerraChaXa
Durante a sesión, as asistentes aprenderán as técnicas básicas necesarias para deseñar e elaborar unha peza tipo sellier
obradoiro-tarxeteiro-pino
8 Mar 2026

O local social da Escola de Pino acollerá o sábado 14 de marzo un obradoiro práctico de artesanía no que as persoas participantes poderán aprender a crear o seu propio tarxeteiro de coiro artesanal. A actividade desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas e estará impartida por Santiago Besteiro.

O taller está organizado pola Asociación Cultural de San Martiño de Pino e está concibido como unha experiencia intensiva dun só día, orientada tanto a persoas con interese pola artesanía como a quen queira iniciarse no traballo co coiro. Durante a sesión, as asistentes aprenderán as técnicas básicas necesarias para deseñar e elaborar un tarxeteiro tipo sellier, empregando materiais profesionais incluídos no prezo da inscrición.

A cota de participación está fixada en 50 euros para as persoas socias da asociación e en 55 euros para as non socias, incluíndo en ambos casos todos os materiais necesarios para realizar a peza. Desde a organización destacan que se trata dunha actividade pensada para fomentar o traballo manual, a creatividade e o coñecemento dos oficios artesáns tradicionais, ao tempo que se ofrece unha proposta formativa e participativa aberta á veciñanza.

O obradoiro enmárcase dentro da programación cultural da asociación, que continúa apostando por iniciativas vencelladas á formación, á cultura e á posta en valor do traballo artesanal no ámbito local.

0.12492084503174