“Un obxectivo? Aprender a facer filloas cadradas!”

TerraChaXa
Denís Gómez Feal será o pregoeiro desta edición da Festa da Filloa
denis-gomez-feal-pregoeiro-muimenta
27 Apr 2025

Denís Gómez Feal será o pregoeiro este ano da Festa da Filloa de Muimenta, que terá lugar, como sempre, o 1 de maio no recinto ferial Manuel Vila. Esta festa de Interese Turístico Galego está organizada pola veciñanza e é un símbolo de unión en Muimenta.

Denís Gómez naceu na Coruña (setembro do 1978). Estudou Dereito na universidade da súa cidade onde comezou a partillar os seus estudos oficiais co teatro universitario. Acabou viaxando a Madrid para poder compaxinalo cos estudios de arte dramático.

Foi aí onde comezaron a saírlle os seus primeiros papeis en películas como Los Lunes al sol de Fernando León ou series como El Comisario.

Aos poucos, os traballos no mundo audiovisual foron crecendo en cantidade e importancia e asemade afianzándose tamén sobre as táboas da man da súa compañía Os Náufragos, que comenzou a súa actividade en Madrid pero que ten agora a súa sede en Galicia.

No 2016 protagonizou para a Galega O sabor das margaridas, primeira serie en galego para Netflix que obtivo gran éxito en todo o mundo. Por esta serie, Denís obtivo o seu primeiro nomeamento aos premios Mateo coincidindo tamén coa súa primeira nominación aos Premios María Casares de teatro por Karelu.

Traballos como Código Emperador, Serramoura, Padre Casares, Entrevías ou Cuéntame cómo pasó foron continuándose ate hoxe, cando Denís ten pendente a estrea de tres películas rodadas na terra e unha serie.

Como recibe a petición de ser o pregoeiro da Festa da Filloa?

Pois con moitísimo orgullo como non podería ser doutro xeito. É toda unha responsabilidade ser cabeza visible dunha festa tan querida en Galicia e faime moitísma ilusión ser parte activa dunha data clave para Muimenta e para toda a Terra Chá.

Que lle une a esta localidade?

Teño grandes amigos que, ou ben son da zona ou ben pasaron longas tempadas da súa vida en Muimenta e arredores. A partir deste ano, o que me vai unir á localidade vai ser moitísimo máis forte e teño pensado seguir vindo a súas festas cada vez que poda.

Adiántenos un pouco cal vai ser o contido do pregón.

Tentarei que sexa un discurso ameno, dinámino e se cadra un pouco emotivo. Non quero aburrir a ninguén, son consciente de que a xente vén á festa a pasalo ben e a comer aínda mellor.

Que lle parecen este tipo de celebracións gastronómicas?

A comida sempre é un catalizador familiar e amistoso pero en Galicia isto adquire un ton case sagrado. Noutros sitios cando non se ten de que falar, fálase do tempo, cousa que a nós non nos é de todo allea, pero penso que os galegos preferimos falar de comida. E utilizala como excusa para unha celebración, aínda máis.

Naceu na Coruña pero marchou a Madrid para comezar a súa carreira. Aínda así destacan as súas participacións de personaxes que teñen que ver con Galicia ou rodadas aquí. Onde pasa máis tempo agora?

Eu sempre digo que vivo na A6 porque paso a vida subindo e baixando e polo de agora é algo que non me dá cansado. Para un actor, Madrid e Galicia compleméntanse moi ben e, dun xeito ou doutro, van necesariamente da man. Aínda que teño que recoñecer que me custa moito non estar cando menos unha vez ao mes en Galicia e iso con Madrid pola contra, non me pasa.

Como ve de saúde o audiovisual galego?

Está nun momento moi bo pero penso que aínda debemos confiar máis no talento galego, tanto artístico como técnico. Moitas veces vemos producións audiovisuais en localizacións galegas feitas con cartos galegos onde os protagonistas non son de aquí ou onde os xefes do equipo técnico tampouco o son. Creo que a produción podería funcionar igual de ben con equipo totalmente local, pero as produtoras aínda pensan que ter unha figura de fóra da máis caché. A mín esta idea paréceme un pouco antiga e ademais penso que somos responsables de crear o noso propio star system e o noso propio tecido audiovisual.

Cóntenos un pouco en que está traballando agora.

Veño de facer unha película na Costa Brava con Marion Cotillard, dirixida por Guiliaume Canet, o seu home, e onde por certo tamén traballa outro galego, Luis Zahera.

Un obxectivo a longo prazo?

Seguir desfrutando con meu traballo, coa miña xente e sobre todo aprender a facer filloas cadradas!

⚙ Configurar cookies
0.16117405891418