Un programa de prácticas ofreceu a 18 mozos de Outeiro de Rei unha primeira experiencia laboral

LugoXa | TerraChaXa
Consolídase así como unha ferramenta fundamental para favorecer a formación práctica da mocidade
elaboracion-de-pan-e-pasteleria-6
14 Sep 2025

Do 1 ao 8 de setembro desenvolveuse en Outeiro de Rei a undécima edición do programa Deseñando o teu Futuro, unha iniciativa que brindou a dezaoito mozos e mozas a oportunidade de achegarse ao mundo laboral a través de estadías en diferentes empresas do municipio. Durante cinco días, con xornadas de catro horas, os participantes realizaron prácticas que lles permitiron coñecer de preto a actividade profesional, colaborar en diversas tarefas e vivir unha experiencia moi valorada como primeiro contacto co emprego.

Entre as empresas que abriron as súas portas estiveron Avifauna, D10 Centro Deportivo, Garatuxa, Laserlucus SL, Pan e Panadería de Ousá SL, a gandería de Paulino Carral Méndez, Transformacións Agrícolas e Forestais M. Ángel, Xardinería Santa Isabel e Área 507. Ademais, sumáronse tamén Ben Alonso SL, Idea Almacén de Papelería SL, Pan do Manuel e o Supermercado Claudio, completando así unha ampla rede de colaboración que fixo posible a experiencia.

Como peche da edición deste ano, o pasado luns 8 de setembro os participantes visitaron o CEI-Nodus, onde coñeceron as instalacións e recibiron explicacións do persoal técnico sobre o labor que se desenvolve para apoiar proxectos de emprendemento. A xornada concluíu no Concello de Outeiro de Rei cun encontro co alcalde, José Pardo Lombao, quen mantivo un diálogo cos mozos e lles fixo entrega dos diplomas acreditativos da súa participación.

O programa, promovido e financiado polo Concello de Outeiro de Rei, consolídase así como unha ferramenta fundamental para favorecer a formación práctica da mocidade e fomentar o seu interese polo tecido empresarial da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.1623969078064