Un proxecto das DOP busca impulsar o sector do queixo e o mel
O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos presidentes dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexida (DOP) de queixos (Arzúa-Ulloa, O Cebreiro, San Simón da Costa e Tetilla), así como coa presidenta da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.
Na xuntanza desta mañá participaron os máximos representantes dos queixos Arzúa-Ulloa, Xosé Luis Carreira; O Cebreiro, Enrique Fernández; San Simón da Costa, Daniel Pérez e Tetilla, Javier Sampayo, así como a presidenta do consello regulador da IXP do mel, Esther Ordóñez.
O obxectivo do encontro foi abordar as diferentes medidas impulsadas pola Xunta para fomentar o consumo e a venda destes produtos durante a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. A videoconferencia enmárcase dentro da rolda de contactos que está a manter o conselleiro con representantes dos diversos sectores agrolimentarios galegos para desenvolver iniciativas nesta liña e paliar así as dificultades que afrontan tralo peche da hostalaría e dos mercados municipais.
Os produtores de queixos e meles atópanse entre os colectivos máis afectados por esta situación, xunto con outros eidos, como os de produción de froitas e hortalizas, o sector do viño, os gandeiros de carne -tanto de vacún como de porcino, avícola, ovino e cabrún- e os de razas autóctonas, especialmente porco celta.
Co fin de dar saída a estes produtos do agro, a Xunta vén de pechar un acordo de colaboración coas grandes cadeas de distribución que traballan en Galicia, mediante o cal as empresas comprométense a comprar estes produtos durante o estado de alarma, apoiando así o sector primario galego.
Campaña de comunicación
Para reforzar esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural porá en marcha de inmediato unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida ao consumidor final. A través dela, buscarase conciencialo da importancia de consumir produtos galegos de proximidade, para apoiar estes sectores, especialmente mentres dure a actual situación de emerxencia sanitaria.
Trátase así, segundo explicou o conselleiro, de frear a perda de ingresos dos agricultores e gandeiros e de apoiar a continuidade das súas explotacións nun momento clave para o seu futuro e para garantir o abastecemento da poboación, ao tempo que se poñen no mercado produtos agroalimentarios da máxima calidade.
Neste sentido, José González lembrou que hoxe mesmo o DOG publica precisamente unha Orde de Medio Rural na que se recollen estas actuacións e pola que se crea unha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade con motivo da suspensión de actividades comerciais derivada da emerxencia sanitaria.
Nesta norma tamén se contempla ademais, de maneira excepcional e diante da crise actual, a posibilidade de que a Xunta adquira directamente parte dos produtos perecedoiros que teñen risco de deteriorarse para cedelos a comedores sociais, hospitais, residencias de maiores ou centros semellantes, no contexto da loita contra o Covid-19.