Un roteiro e unha actuación musical, este sábado na casa museo de Manuel María
Un concerto de Jásper e Nébeda e un roteiro pola contorna do Miño son as próximas actividades que este sábado, día 2 de outubro, levará a cabo a Casa-Museo Manuel María.
As actividades comezarán ás 11.30 h na Casa-Museo, deslocándose logo á igrexa parroquial de Cela, lugar de onde sairá o roteiro que percorrerá nun dos seus tramos a ribeira do río Miño. Dinamizado polo estudoso e divulgador do patrimonio chairego, Orlando Viveiro, o percurso da andaina é circular, de dificultade baixa e cunha duración de unha hora e cuarto aproximadamente.
Pola tarde, contra as 17 h, na horta da Casa-Museo Manuel María decorrerá o concerto de Jásper, voz e guitarra de NAO, e a cantareira e pandeireteira, Nébeda. Os dous músicos presentarán nun novo proxecto que están a traballar nos últimos tempos en que lembran a canción protesta galega, xunto a composicións propias, desde un estilo tradicional.
Ambas as dúas actividades son gratuítas. Para cada unha delas é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
Por outra parte, a Casa-Museo Manuel María informa do seu novo horario de inverno, a partir deste mes de outubro e até o mes de abril incluído, para todas aquelas persoas que a queiran visitar e coñecer a figura, a obra e o legado de Manuel María. A casa natal do escritor da Terra Chá poderá ser visitada os sábados de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30 e os domingos de 11 a 14. Recoméndase, por motivos de aforo, chamar previamente ao 698177621.