Un roteiro para reivindicar "un Día das Letras para Avelino Díaz"
O domingo 3 de setembro celébrase o IV Roteiro por Avelino nunha xornada que pretende xuntar, unha vez máis, persoas de todas as procedencias, condicións e ideoloxías para divulgar a figura do poeta e reclamar para el un Día das Letras.
O roteiro partirá ás once da mañá, e por primeira vez, da Praza do Concello e da Igrexa de Meira para percorrer os 9,5 km que os separan da casa natal de Avelino na Órrea, na ruta que sube suavemente ata o alto dos Xuncás, fronteira natural entre a Terra Chá e a Terra de Miranda, para baixar despois polos montes de Candedo ata a ribeira do río Mourín, xa na Órrea. Nun punto específico do traxecto colocarase o terceiro chanto de homenaxe, da autoría do escultor e activista cultural Manolo Pardo. Será o terceiro dunha serie que se pretende continuar ano a ano. Pasarase tamén polo lugar da Pena, saíndo de Meira, onde Avelino viviu con súa nai.
A xornada rematará no lugar da Eirexa, no campo da festa da Órrea, cun xantar popular no que haberá un pequeno acto literario e diferentes xogos tradicionais para todas as idades propostos pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
Para participar no xantar é necesario retirar os tiques na Librería O Pedregal de Meira ou na Taberna de Montse na Órrea.