Un técnico de Mozambique visita Burela para intercambiar experiencias
Un técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique pasará un mes intercambiando coñecementos con persoal de catro concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A través do programa Vacacións con Traballo en Galicia, cofinanciado pola Xunta, o especialista en finanzas municipais Onofre Muianga visitará os concellos de Burela, Cabanas, Outes e Moaña para coñecer a súa experiencia nesta área. O obxectivo é reforzar as capacidades dos municipios do Sur, ao tempo que se contribúe a sensibilizar sobre a súa situación e visibilizar as potencialidades.
Recadación e xestión de impostos, catastro tributario, transferencias fiscais e outras fontes de financiamento ou control interno e modelos de rendición de contas son algúns dos temas de interese do convidado africano. Onofre Muianga pasará unha semana en cada municipio, favorecendo deste xeito a implicación das administracións locais galegas na solidariedade internacional, ademais de aproveitar para reunirse con distintas institucións.
O técnico mozambicano atópase xa no Concello de Burela, onde ás 12 horas do pasado luns, participou nunha recepción institucional. Ademais do traballo diario no departamento económico, está previsto que Onofre Muianga visite o mércores a Deputación de Lugo e ofreza unha charla no IES Perdouro o xoves, alén de coñecer a actividade de distintas asociacións e os principais puntos de interese da vila.
A última semana de setembro vaina pasar no Concello de Cabanas, onde tamén terá unha intensa axenda laboral combinada con visitas turísticas pola comarca do Eume e xuntanzas con colectivos locais para favorecer o intercambio cultural.
Na primeira semana de outubro, o convidado de Mozambique estará intercambiando experiencias con responsables das finanzas municipais no Concello de Outes, onde tamén ofrecerá unha charla sobre a realidade do país lusófono no IES Poeta Añón e se achegará a diversas actividades produtivas da zona. A estadía culminará no Concello de Moaña, con máis traballo polas mañás e outro tipo de experiencias polas tardes, nas que visitará instalacións deportivas, grupos de música tradicional, etc. Tamén haberá tempo para senllos encontros con alumnado do IES As Barxas e do IES A Paralaia.
CICLÓN. O Fondo Galego ten apoiado en Mozambique unha decena de proxectos que nos últimos anos se veñen intensificando a partir da liña de traballo iniciada coa ANAMM. A última actuación levada a cabo foi a axuda de emerxencia facilitada á vila de Nhamatanda, gravemente afectada polo paso do devastador ciclón Idai. Ademais, os sistemas de abastecemento de auga construídos no municipio de Nhamayábue -para evitar que a veciñanza fose atacada por fauna salvaxe ao collela no río- resultaron prexudicados polas fortes chuvias, polo que se están levando a cabo tarefas de reparación. Doutra banda, vén de rematar o proxecto para previr doenzas, adiccións e embarazos precoces na mocidade empregando como ferramenta o deporte, da man da Fundaçao Encontro.
O FONDO. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.