Un total de 130 persoas participarán na oitava regata Optimist Lago das Pontes
A concelleira de Deportes, Elena López, acompañada de membros do Clube de Vela Fluvial das Pontes, presentaba a oitava edición da Regata Lago de As Pontes, primeira proba clasificatoria da clase
Optimist da nova temporada 2024-2025, que se vai celebrar no lago das Pontes o sábado 31 de agosto e o domingo 1 de setembro.
O adestrador do Club de Vela Fluvial Nano de Andrés comentaba que contan cun total de 130 participantes inscritos, nove deles achegados polo club pontés. Con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos, están divididos en dous grupos: o grupo ouro, composto polos mellores clasificados da tempada anterior e que competirán por acadar a vitoria e poder asistir a campionatos nacionais; e o grupo prata, que aspirarán a poder competir contra os mellores clasificados deste ano.
A proba que se disputará durante toda a fin de semana, conta cun total de seis mangas, que comezarán o sábado 31 de agosto ás tres da tarde, con previsión de rematar ao redor das oito; e xa o domingo 1 de setembro a proba comezará ás once da mañá, dándose por concluída esta oitava edición da regata Lago das Pontes coa entrega de premios ás cinco da tarde.
Pola súa banda, Elena López, concelleira de Deportes do Concello das Pontes quixo agradecerlle a tódalas persoas que forman parte do Club de Vela Fluvial “dende directivos, adestradores, e familias, por todo o traballo que veñen facendo ao longo destes anos organizando este tipo de probas deportivas. Isto non fai máis que afianzar a aposta pioneira que fixo no seu día este club por introducir a práctica deportiva nun entorno recuperado como é o lago das Pontes”.
Aproveitou a ocasión tamén para convidar á veciñanza a gozar desta proba deportiva no lago das Pontes durante a fin de semana, agardando que “as persoas que visiten o noso Concello durante este evento deportivo queden cun bo sabor de boca”.