Un total de 28 artesáns participarán na Feira do Ferro de Riotorto este domingo
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, e o presidente da Asociación de Ferreiros, José Manuel Cobo, xunto a outras autoridades, presentaron a XIII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebrará o vindeiro domingo, 14 de abril e reunirá a ferreiros chegados de toda a provincia, así como de Galicia e Navarra, entre outros. A presentación tivo lugar na Forxa de Lourín e, durante o acto, realizouse unha demostración en vivo de artesanía do ferro.
Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación mantemos un firme compromiso con esta cita coa que colaboramos, realizando unha achega económica de 11.000 euros. A Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, é un evento xa asentado na nosa provincia, pois esta é décimo terceira edición, que cada ano atrae a milleiros de persoas ao municipio. Deste xeito, dinamizamos a economía local e do conxunto da Mariña Lucense, así como poñemos en valor un oficio tradicional, a través de numerosas actividades e con demostracións en vivo”.
A XIII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que reunirá a 28 ferreiros, celebrarase no recinto feiral cuberto baixo carpa, onde tamén se poderá degustar polbo e outra comida tradicional. Haberá animación musical durante toda a xornada a cargo dos Gaiteiros de Riotorto e a Charanga Louband.
A Feira do Ferro de Riotorto non deixa de ser unha das celebracións de máis trancendencia en Riotorto acollendo todos os anos unha gran cantidade de visitantes que se achegan a ver traballar a estes artesán en directo.
A organización do evento desenvolveu un programa que arrincará o sábado pola noite, ás 22.00 horas, cunha comida popular co polbo como protagonista. A feira terá lugar o domingo, e abrirá as súas portas ás 11.00 horas comezando xa de seguido coas demostracións de oficios., nas que haberá pirogravado, torneado de madeira, cestería, alfarería e cristal tallado.
Trala presentación do libro A idade do Ferro, de Xosé Salgado, terá lugar a actuación do Coro de Riotorto, xusto antes da inauguración, que será ás 12.15.
A continuación terán lugar as demostracións en vivo da artesanía do ferro e os obradoiros infantís. Estas estarán a cargo de ferreiros de Rioroto e da Fonsagrada así como do Centro de Interpretación de la Forja (Navarra). Destarán os traballos de Alberto Leis, Friedich Brasmsteidl e Antonio do Corgo.
Pola tarde, a charanga Louband realizará unha animación itinerante co espectáculo realizado por Pepe Penabade.
Tralas novas demostracións en vivo da tarde, un espectáculo infantil no atrio da igrexa porá o punto e final. A organización lembra que haberá animación musical durante todo o día cos Gaiteiros de Riotorto e a propia chanranga.
O recinto feiral estará cuberto con carpa de haberá degustación de polbo e outros pratos de comida.